Por Miriam González | kiiv | 19/05/2023 | Actualizada ás 22:00
“É un soño cumprido poder estar aquí” confesa William de 36 anos cun amplo sorriso. El e o seu amigo, Mauricio de 39 anos, chegaron a Ucraína hai un par de semanas despois dunha longa viaxe que durou máis de catro días. Vestidos cun impoluto uniforme do exército ucraíno non esqueceron adornalo e poñer un parche coa súa bandeira patria. Estes homes foron soldados en Colombia, loitaron contra a guerrilla e afirman rotundamente que “somos militares e serémolo ata que morramos, por iso viñemos aquí para axudar”. Con todo, non foi sinxelo explicarlles as súas familias por que deixaron o seu país natal cá finalidade de vincularse a un conflito que lles quedaba tan lonxe.
É a primeira vez que están en Ucraína e recoñecen que nunca pensaran en vir por estas latitudes ata que Rusia comezou a invasión a gran escala do país en febreiro de 2022. O máis complicado cando entraron no país foi a lingua, afirman, pero co tradutor vanse arranxando. A súa primeira impresión sobre Ucraína foi moi positiva. Estas terras parecéronlle un lugar fermoso e William está pensado que quizais, no futuro, a súa familia poida viaxar aquí para comezar unha nova vida.
Os dous voluntarios deixaron muller e fillos en América Latina. Durante os últimos meses foron preparando os seus achegados ata comunicarlles que ían viaxar a Europa para loitar. “Foi duro para a miña familia xa que eles son conscientes de como é a guerra aquí, pero eu pouco a pouco fun comentándolles que quería volver a vida militar”, sinala William, que é pai de dúas nenas. Este home estaba mirando traballos no sector da seguridade en África e Oriente Medio, pero finalmente decidiu vir aquí.
Mauricio e William tratan de tranquilizar os seus para que non sufran. Pero teñen que manterse firmes, “non podemos mostrar debilidade, iso foi o que nos ensinaron no exército colombiano”. As veces están obrigados a dicir “mentiras piadosas”, confesan; “explicámoslles ós nosos que todo vai estar ben, pero sabemos isto non é un xogo e todo pode pasar”. William mostra os amuletos que lle deu súa nai antes de viaxar; dúas pulseira que recibiron a bendición do párroco local. Estes ex militares tiveron que traballar moito para conseguir pagar o billete de avión a Europa e deixar diñeiro suficiente para que as súas familias pasen este tempo que van estar noutro continente.
Polo de agora móstranse “contentos e emocionados” ante a perigosa aventura que se lles presenta e manifestan ter unha disposición total para ir a calquera lugar onde os precisen. O enclave ucraíno máis nomeado nos titulares da prensa durante os últimos meses é Bakhmut, no leste do país. Os duros enfrontamentos entre os mercenarios rusos de Wagner e as forzas ucraínas converteron o lugar nunha “picadora de carne” polas intensas baixas que se producen alí. William e Mauricio aínda non saben cal será o seu primeiro destino, pero destacan con firmeza que se teñen que ir a pelexar o mesmo Bakhmut, irán.
A pesares das ganas de ir a fronte terán que esperar algunhas semanas antes de ser despregados. O seu contrato co exército de Ucraína estase tramitando, pero xa están integrados nun pelotón -formado por unha maioría de colombianos- con varias nacionalidades. Na guerra, loitar de forma conxunta é moi importante e a confianza e a unión é un requisito fundamental para acadar o éxito conxunto nas misións. “Cando se combate ten que haber unha coordinación entre os membros do equipo para crear unha liña de defensa estable”, di Mauricio. A formación que están a recibir que é moi específica, pero non dan moitos detalles sobre a mesma. O único que poden aclarar e que “serán forzas especiais da Lexión Internacional”.
Aínda que estes dous amigos tiñan experiencia en combate, as características deste conflito requiren novos coñecementos: “Temos que empezar de cero. Aquí hai un armamento diferente, explosivos distintos. Por outra banda non é o mesmo loitar contra a guerrilla colombiana na selva, que contra a artillería de Rusia no leste de Ucraína”.
Grazas ao seu contacto ucraíno, Vadim, non tiveron que “dar demasiadas voltas” para atopar unidade. Dende o momento no que pisaron territorio ucraíno foron directamente a unha base militar. Estes dous camaradas destacan que outros voluntarios non teñen tanta sorte e poden pasar varias semanas ata que conseguen atopar un posto na Lexión Internacional.
Adrenalina e Fe
“Non vimos aquí a ‘tirar plomo’ como se fósemos uns mercenarios tolos”, pero gústamos a guerra e sentir como se desata a adrenalina durante o combate. Esta é unha sensación que sempre queremos repetir” sinalan os voluntarios. Con todo, ambos subliñan que a principal motivación para aterrar neste conflito é poder loitar contra “os crimes de guerra que cometen os rusos contra os civís”, apunta Mauricio.
Unha das razóns máis potentes pola que William quixo ser soldado foi a súa propia experiencia na guerra de Colombia, xa que lle tocou ser un dos miles de nenos desprazados. “Traballar para que os nenos teñan unha vida mellor foi o principal impulso que me levou a vida militar”, apunta. William recordar a conmoción que lle provocou un vídeo dunha nena ucraína cantando sobre a súa historia persoal durante a invasión. Foi nese momento cando se convenceu de que tiña que loitar “pola liberdade de Ucraína”.
O medo está presente, pero estes dous soldados están curtidos na loita e saben controlar todo tipo de sensacións, é o seu oficio. Ademais, as súas crenzas relixiosas son de gran axuda á hora de enfrontarse a tan perigosas circunstancias. “A fe en Deus danos confianza, sentimos que estamos protexido por El e polas oracións das nosas familias. A morte é unha cuestión que está disposta xa por Deus e non se pode cambiar. Todos estamos mentalizados diso” confesan.
Non e sinxelo para calquera combatente pensar na morte, e no medio conversa os voluntarios recordan historias de soldados que pelexaron na Segunda Guerra Mundial e lograron vivir moitos anos máis. É unha forma de convencerse de que saír ben parado é unha posibilidade. Quizais exista un escenario peor cá morte: chegar a ser prisioneiros de guerra. Ante isto, a súa resposta sobre a posibilidade de caer nas mans do inimigo é firme e clara: “Cando estábamos no exército en Colombia sabíamos que nunca caeríamos presos da guerrilla. É mellor morrer antes de ser capturados e martirizados”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.