Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2023 | Actualizada ás 18:45
O Partido Socialista de Ourense interpuxo este luns unha denuncia en Fiscalía polas supostas irregularidades cometidas na obra da Rúa Concordia na cidade das Burgas, algo que ven "o epílogo no mandato de Gonzalo Pérez Jácome" como alcalde, tal e como apuntou Natalia González Beneitez, a secretaria xeral do Partido Socialista municipal.
Así, os socialistas sosteñen que as obras se licitaron a pesar de que "algúns técnicos aconsellaban que non se realizasen" e a pesar de que "o grupo municipal exerceu o seu labor de oposición pedindo transparencia ao alcalde". Pola contra, subliñaron que o Partido Popular "acompañou a Pérez Jácome no proceso de licitación e adxudicación destas obras".
Beneitez manifestou que a súa formación foi a primeira en denunciar que se realizou unha modificación do proxecto de obras "que supuña unha cantidade maior aos 500.000 euros" e lembrou que o rexedor primeiro sostivo que a modificación non existía, "para terminar recoñecendo que si".
"Trátase dun proxecto de gran envergadura que adxudicou a dedo e que foi deficiente", apuntou a secretaria xeral do PSOE municipal, engadindo ademais que dita modificación "non está aprobada polos técnicos municipais".
No escrito presentado en Fiscalía tamén se relata que, coa chegada ao goberno local de Jácome, "e posiblemente co ánimo de alterar o normal transcorrer dos procesos de contratación para favorecer a determinadas empresas", variouse a ponderación do criterio de mellor prezo ofertado que se seguía con anterioridade.
Por iso, esixen que Fiscalía "reclame a información e as testificales" de todos os participantes no expediente e na súa modificación. "Para nós isto está relacionado co que está a saír estes días nos medios de comunicación, cos audios polos que tamén presentamos outra denuncia", sostivo González Beneitez, en referencia ás gravacións publicadas inicialmente polo diario A Rexión.
"Falamos de presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e tráfico de influencias", dixo, insistindo en que esta obra en concreto, que consiste na instalación de ramplas mecánicas na rúa, "trátase dun capricho do rexedor", que "se saltou todos os procedementos legais".
"Hai máis procesos, dos que aínda non temos tampouco toda a documentación, que seguen o mesmo 'modus operandi' das obras da Rúa Concordia", continuou a socialista, asegurando que a súa formación "traballará" para que "todo salga á luz".
A continuación, instou aos veciños a "realizar un cambio" o próximo 28 de maio para que termine "o mangoneo e a ocultación de información á cidadanía", facendo fincapé en que "os que foron parte do problema non poden ser a solución".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.