Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2023 | Actualizada ás 09:59
O tráfico no tramo da N-120 en Vilamartín de Valdeorras (Ourense) onde se produciu o accidente entre un camión e dous turismos que deixou dúas persoas mortas permanece cortado á circulación 24 horas despois do sinistro rexistrado minutos antes das 07,00 horas do pasado xoves.
O camión que se saíu da vía e esmagou ao coche que circulaba polo carril contrario puido ser retirado na tarde noite do xoves grazas á intervención dun guindastre de gran tonelaxe, segundo confirmou a Garda Civil de Ourense.
Con todo, o tráfico continúa desviado na zona pola gran cantidade de fluídos derramados sobre o firme, pendente de limpar ante a presenza de aceite, combustible e lubricante.
Nisto traballan desde última hora do xoves e ao longo da mañá do venres efectivos dos bombeiros e do servizo de conservación da estrada, que empregan auga quente e sepiolita para limpar o asfalto.
DOUS MORTOS
O sinistro deixou dous mortos, o condutor do camión e a muller que manexaba o turismo. Ademais, houbo outro tres feridos que ían noutro coche que impactou contra os vehículos accidentados.
O accidente produciuse ás 06,55 horas deste xoves no quilómetro 464 da estrada N-120 --que une Logroño e Vigo-- á altura do municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras.
Alí, un camión con remolque que transportaba un cargamento de porcos saíu da estrada e impactou contra un turismo que circulaba pola marxe contraria e terminou esmagado polo vehículo industrial.
Tanto o ocupante do camión, de 51 anos e residente na zona de Chantada como a condutora do turismo, de 41 anos e veciña da comarca de Valdeorras, faleceron no punto do accidente.
Os outros tres feridos que viaxaban no terceiro coche implicado no sinistro foron evacuados a un centro hospitalario por ambulancias de Urxencias Sanitairas 061, que tamén desprazou ao momento un helicóptero medicalizado.
O sinistro provocou o corte total da circulación en dous quilómetros na N-120, onde tiveron que ser habilitados desvíos alternativos mentres traballan na zona os equipos de emerxencia.
Ademais, o camión perdeu parte da súa carga, polo que hai porcos soltos pola zona. De feito, foron mobilizados efectivos do Seprona e de Sanidade Animal da Xunta para recoller aos porcos e xestionar a carga, entre a que hai animais mortos.
As causas do accidente están a ser investigadas pola Garda Civil, como comentou en declaracións ao programa 'Galicia por diante' da Radio Galega o tenente Javier Barja, xefe do subsector de tráfico da Benemérita.
Barállanse como motivos do sinistro un "descoido, somnolencia ou velocidade inadecuada" no camión, que pertence a unha empresa cárnica de Melide (A Coruña), desde onde se desprazaba á primeira hora desta mañá en dirección ao Barco de Valdeorras (Ourense).
Agora, os traballos céntranse en retirar o camión para poder acceder ao vehículo no que se atopaba a falecida e, así, confirmar que viaxaba soa, como apuntan os seus familiares e achegados, quen acudiron ao lugar do accidente tras coñecer a noticia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.