O PSdeG acusa a Rueda de ser "cómplice" co seu "silencio" da "podremia" en Ourense

"O que pasa é un exemplo do que significa que o PP goberne", di ao ser preguntado polos coches oficiais de Baltar

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O secretario de Organización do PSdG, José Manuel Lage, acusou ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e ao seu homólogo do PPdeG e titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, de porse de "perfil" ante a "podremia" en Ourense, dixo ao ser preguntado polo uso de coches oficiais do máximo responsable da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

"É un bo exemplo do que significa que o PP goberne nas institucións", apostilou en alusión á existencia "todos os días de sucesos lamentables incompatibles cunha xestión honorable e honesta das institucións".

Fíxoo con críticas tanto a Alberto Núñez Feijóo como a Alfonso Rueda, dos que manifestou que "se pon de perfil coma se nada tivesen que ver". "Non sabemos por que Rueda é refén, por que non toma decisións pero desde logo é cómplice co seu silencio de todo o que está a suceder en Ourense", puntualizou.

"O responsable de que Jácome fose alcalde é un trileiro como Feijóo que, cunha man di que ten que gobernar a lista máis votada, pero que en Ourense fixo alcalde a quen quedou de terceiro", expuxo tamén.

Fíxoo a preguntas dos xornalistas nun acto na Coruña ao ser preguntado pola información recollida pola Cadea Ser que sinala que a muller e a filla do chofer do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, foron multadas conducindo un dos coches oficiais do titular da institución provincial, uns feitos que a Deputación vinculou cunha "mala praxe" por parte do antigo responsable do parque móbil.

"Ourense significa a casa das leas permanente", aseverou Lage, para quen "a única resposta posible para porlle fin a esa situación lamentable é coller a papeleta do PSOE o vindeiro domingo".

O secretario de Organización do PSdG, José Manuel Lage. PSOE
O secretario de Organización do PSdG, José Manuel Lage. PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta