O programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra ofrece catro novos cursos de ciberseguridade e análise web

Serán o luns, martes, mércores e xoves

Por E.P. | PONTEVEDRA | 27/05/2023 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da provincia, oferta nesta próxima semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de talleres que se celebrarán de maneira telemática e presencial. As actividades centraranse en ciberseguridade, na fabricación dixital e en análise web.

Así, o luns 29, ás 10,00 horas, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, encargarase de impartir o taller 'Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de identidade'. O obxectivo é dar a coñecer que é un ramsonware, en que consiste a suplantación de identidade e que é o que poden facer as persoas para protexerse.

Na xornada do martes, ás 11,00 horas dará comezo o taller de 'Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV - PartStudio IV' con sesións en liña teóricas e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. En canto á teoría, o taller profundará en debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina (4h) e escáner 3D (2h). Estas sesións completaranse con 20 horas prácticas no Fab Lab no manexo das dúas impresoras 3D e do escáner 3D. Tamén se encargará da formación Manuel Freire.

O mércores 31, ás 12,00 horas, será a quenda dos 'Primeiros pasos con Google Analytics 4', centrado no manexo deste programa de análise web. No taller as persoas participantes aprenderán a comprender esta nova versión da ferramenta para poder configurala e tamén comprender aos visitantes da web, coa finalidade de axudar na toma de decisións do negocio.

Esta acción formativa será impartida por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de mercadotecnia e dirección comercial e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión.

O xoves 1 de xuño iníciase o taller de 'Fabricación dixital. Laminador Cura II'. A formación teórica en liña incluirá debuxo 3D con Onshape (16h), manexo de impresoras3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina (4h) e escáner 3D (2h). A parte práctica é presencial e consta de 20 horas no Fab Lab co manexo de impresoras 3D filamento (8h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D (4 h). Este taller correrá tamén a cargo de Manuel Freire.

Carmela Silva na presentación dos novos eixos de traballo de SmartPeme.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Carmela Silva na presentación dos novos eixos de traballo de SmartPeme.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta