(Vídeo) Do excedente das hortas ao mercado: o primeiro coworking rural de Galicia que deu renda solta á creatividade do campo

No corazón de Brión naceu un espazo pioneiro onde o saber tradicional se converte en economía legal, a través dun modelo cooperativo e autosuficiente que permite transformar produtos con nome e apelidos. Máis de 260 persoas xa forman parte dunha rede que mestura formación, autonomía e compromiso coa terra, recuperando receitas, autoestima e futuro para o rural galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai lugares que nacen da necesidade e medran coa forza da comunidade. No pequeno concello de Brión, sementouse hai poucos anos unha idea que hoxe é exemplo de innovación rural e colaboración veciñal. Alí, onde antes só había excedentes sen saída e saberes agochados, xurdiu un espazo onde persoas con nomes e apelidos poden transformar os seus produtos, legalizar o seu traballo e manter viva a cultura da terra. Galicia Confidencial adéntrase no coworking agroalimentario de Brión, o primeiro deste estilo en Galicia, da man de Carmen Freire, unha das súas impulsoras e defensora dun modelo que mestura tradición, autonomía e futuro compartido.

Coworking agroalimentario de Brión
Coworking agroalimentario de Brión | Fonte: Concello de Brión - Arquivo

Cando Carme Freire di que aquí "xa somos 267 persoas habilitadas para elaborar", non fala só de cifras. Fala de rostros, de mans que sementan, recollen, cociñan e etiquetan produtos cunha historia, cun sabor, cun lugar. Dende 2019, o espazo de coworking agroalimentario de Brión, xestionado pola asociación Daquí Darredor e creado en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Brión e o GDR Terras de Compostela, converteuse nun referente no rural galego. É un lugar onde se produce e se comparte, onde os excedentes das hortas se transforman en conservas legais, onde o matadoiro móbil permite comercializar carne de polo e coello sen ter que saír da aldea, e onde a memoria culinaria da avoa se mestura coa innovación alimentaria.

Carmen Freire foi unha das impulsoras deste espazo pioneiro en Galicia, e explica que todo comezou cun grupo de 18 persoas, que necesitaban transformar os seus produtos sen facer grandes investimentos nas súas propias casas. "Estabamos elaborando conservas nas nosas cociñas para autoconsumo, e ás veces vendíamos de forma alegal, pero queríamos poder regularizar as nosas vendas", conta ao Galicia Confidencial. A falta dunha normativa adaptada á pequena escala impedía a comercialización legal. A solución? Crear un espazo común, autosuficiente e colaborativo. Así, conseguiron que o Concello lles cedera un antigo espazo ubicado no centro comercial Monte Balado e, con financiamento público, deseñaron o que hoxe é un modelo replicado noutros lugares de Galicia. "Aprendemos a xestionar cartos públicos, buscamos máquinas, deseñamos o espazo, elaboramos protocolos sanitarios... Fomos os primeiros, e podémolo dicir con moito orgullo", presume Carme Freire.

DÚAS LIÑAS DE PRODUCIÓN PRINCIPAIS E EN CAMIÑO UNHA TERCEIRA

O espazo conta hoxe con dúas liñas principais de produción: unha de conservas vexetais e outra de masas (empanadas, pizzas, doces...). E está en trámites tamén unha terceira liña de pratos preparados. A clave? A formación. Para poder elaborar neste coworking, as persoas usuarias deben facer un curso, impartido polos propios produtores e produtoras. "Hai quen vén só unha vez ao ano para facer zume de mazá co seu excedente e hai quen traballa case a diario aquí", comenta Carme Freire. Cada produción leva o seu código sanitario, rexistro, limpeza e análise. "Hai control, pero tamén liberdade", resume. Ademais, "aprendemos a etiquetar, envasar, facer limpeza... Isto non é un obradoiro para vir cociñar e marchar, isto é transformación alimentaria legal".

No espazo elabóranse produtos moi diversos: dende marmeladas, compotas e zumes naturais ata queixos veganos, empanadas ou doces de tempada. "Por exemplo, cando hai moita mazá, veñen e fan zume; outros fan empanadas unha vez á semana; outros optan por doces para vender nas feiras; temos tamén unha persoa que fai 'salmorejo'; outra que traballa con masa de pizza... Hai moita diversidade", explica Carmen Freire. Cada persoa achega os seus ingredientes e paga só polo tempo e a enerxía que emprega, segundo un sistema de fichas. "Non hai intermediarios, non hai xerencia, todo o control teno quen produce", asegura. O coworking conta ademais cun matadoiro móbil, pioneiro en Galicia, que permite o sacrificio de aves e coellos con garantías legais e sanitarias. É unha ferramenta crucial para o mantemento da economía familiar agraria e da soberanía alimentaria. E o máis importante: todo está autoxestionado polos propios produtores e produtoras. Non hai xerente nin director comercial, só asesores financiados pola Deputación que apoian en temas de hixiene, dinamización e acompañamento.

"Temos un convenio con Sanidade no que se recolle que aquí se poden transformar produtos a pequena escala. Cando alguén acaba o curso, e se quere seguir, ten que solicitar a autorización de uso do espazo, e con iso xa pode empezar a crear aquí e comercializar os seus produtos legalmente", celebra Carmen Freire. "Cada elaboración ten que rexistrala nunha folla sanitaria que logo queda arquivada", detalla. Ademais, cada produto leva o seu código sanitario e o nome da persoa elaboradora: "Desta maneira sabemos de quen é cada produto vendido". Outro aspecto clave é a formación continua. "Facemos moitas xornadas e visitas. Moitas persoas, despois do curso, non saben por onde comezar, así que axudámolas a escoller maquinaria, a facer os primeiros contactos con compradores --dende centros de día ata comedores escolares-- e tamén organizamos visitas a outros espazos, para compartir experiencias entre todos", conta Carmen Freire.

REFERENCIA PARA OUTROS COWORKINGS DENTRO E FÓRA DE GALICIA

O espazo tivo un impacto tal que hoxe acolle persoas de toda a provincia e mesmo doutros puntos de Galicia, como Cuntis ou A Estrada. Tamén recibiu visitas internacionais --como delegacións de Cabo Verde--, e inspirou proxectos en Baroña, Moeche ou Vedra. Ademais, estase a crear unha cooperativa para comercializar os produtos que neste coworking se elaboran de maneira común: cunha app, unha folla de pedidos conxunta e contacto directo con consumidores finais, como hoteis, comedores escolares ou centros de día. "Queremos traballar xuntos para garantir volumes, calidade e variedade, de maneira que unha persoa poida pedir nun clic pan, marmelada, queixo vegano ou crema de cabaza", sinala.

"Queremos que se saiba que aquí hai persoas, hai rostros, hai saberes que seguen vivos. Non queremos depender de grandes empresas nin perder os sabores de sempre", di Carmen Freire. E engade: "Non é unha alternativa, é a continuidade do que fixeron as nosas nais, avoas e tías". Este espazo é, en palabras de Carmen Freire, "un modelo que garante relevo, cultura, economía e futuro". Un modelo que se sementa na terra, se coce en común e chega á mesa con nome e apelidos. Pero tamén é un lugar onde se tecen relacións humanas, se recupera autoestima e se aposta polo futuro sen renunciar á identidade. Cada bote de marmelada, cada empanada ou queixo vegano elaborado aquí leva detrás unha historia de esforzo, de aprendizaxe compartida e de compromiso co territorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta