Temas: CGT PSOE NARóN

Presentan unha demanda por dereito á honra contra CGT e o PSOE de Narón

A demanda realízase despois dun accidente acontecido o 30 de abril nunha atracción de feira durante a celebración das festas do Alto do Castaño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

Dous traballadores do Concello de Narón, o responsable de Prevención e o inspector xefe do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS), presentaron unha demanda de tutela do dereito á honra, intimidade e propia imaxe contra a sección sindical da CGT neste municipio e contra o PSOE da localidade, tras as manifestacións realizadas por ambos os por mor dun accidente acontecido o 30 de abril nunha atracción de feira durante a celebración das festas do Alto do Castaño.

Segundo a información á que tivo acceso Europa Press, ambos aseguran que decidiron agardar a que pasasen as eleccións municipais "para apartarse de inxerencias ou utilizacións electorais do asunto", de forma que presentan ante os xulgados de Ferrol a demanda unha vez superada este proceso electoral.

Así, detallan que, tras o suceso, no que dez menores de idade resultaron feridos de escasa consideración, aseguran que os denunciados, "de maneira oportunista" e buscando un "aproveitamento da proximidade temporal das recentes eleccións municipais, a sección sindical da CGT publicou no taboleiro de edictos do Concello de Narón unha nota onde se difamaba gravemente" aos denunciantes, aos cales se lles acusou mesmo de cometer delitos e dunha cando menos neglixente actuación.

PRESENTE NO PUNTO E PLAN DE SEGURIDADE

Así, segundo a súa denuncia, aseverouse que o responsable de Prevención, "presente no punto, non mobilizou aos bombeiros de garda" algo que non se fixo porque foi innecesario, "xa que todos os afectados saíron polo seu pé" da atracción na que se produciu o incidente.

Ademais, acúsase á CGT de publicar que estas festas carecían de plan de prevención e que o responsable dos bombeiros non reforzou o número efectivos, cando os denunciantes aseguran que "estas manifestacións son mendaces, inxuriosas e rotundamente falsas, xa que existía o preceptivo plan de prevención" que "se reforzou o dispositivo de bombeiros nun 33,3%, o habitual nestes casos".

No caso do PSOE, aseguran que a formación política, liderada xa nese momento polo novo candidato á Alcaldía, Jorge Ulla, fíxose "eco desta nota e difundíndoa a través das súas redes sociais, a propósito de que era mendaz e falsa, co único fin de obter rédito político e non importándolle pisar a imaxe e a honra" dos denunciantes e de "demais profesionais do Concello de Narón", polo que tamén incluíron a este partido político na demanda xudicial.

Casa do Concello de Narón
Casa do Concello de Narón | Fonte: Wikipedia

Temas: CGT PSOE NARóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta