Edificios e monumentos de Galicia iluminaranse en vermello con motivo do Día Mundial do Doante de Sangue

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Monumentos representativos e edificios de distintas cidades galegas iluminaranse en cor vermella este martes e mércores como maneira de conmemorar o Día Mundial do Doante de Sangue, que cada ano celebra a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados).

Deste xeito, as cidades galegas súmanse á celebración dunha data na que se pon en valor o traballo e a colaboración brindada por todos os doantes de sangue, pero tamén por múltiples colectivos e entidades que, día a día, "colaboran estreitamente con Ados co obxectivo de crear unha conciencia social favorable ao xeneroso xesto da doazón", apunta a Xunta.

Entre outros edificios, iluminaranse de vermello as Torres Hejduk da Cidade da Cultura, en Santiago; a fonte de Catro Camiños, na Coruña; o Teatro Jofre de Ferrol ou as fontes da Rúa Aragón de Vigo.

O colofón da xornada de conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, será a gala de entrega de recoñecementos, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela este mércores.

Estes galardóns premiarán, un ano máis, tanto a particulares,como a colectivos que se distinguiron pola súa especial implicación no labor de sensibilización social a favor da doazón de sangue. Ademais, esta xornada de conmemoración tamén permite celebrar o 30º aniversario da creación do Centro de Transfusión de Galicia.

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal;  e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentan o balance de doazóns
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentan o balance de doazóns | Fonte: CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta