A coalición co BNG permite ao PSdeG manter o bastón de mando na Illa

"Así que, a mellor opción para todos e, fundamentalmente, para o pobo é que nos entendésemos e non que houbese un goberno en minoría", explicou o cabeza de lista do BNG, Manuel Suárez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2023 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

O PSdeG, finalmente, manterá o bastón de mando na localidade pontevedresa da Illa de Arousa, con Luís Arosa na Alcaldía. Será por primeira vez en coalición co BNG, cuxa candidatura encabeza Manuel Suárez.

Nas eleccións municipais, os socialistas lograron tres concelleiros, fronte ao seis que tiñan no anterior mandato. Pola súa banda, os nacionalistas alcanzaron tamén tres concelleiros e o PPdeG, con Matías González Cañón, foco da polémica despois de transcender que foi condenado por unha agresión á súa exparella anos atrás, sumou cinco.

O BNG fixera varias propostas ao PSdeG. Nunha delas incluíase que a Alcaldía recaese sobre o nacionalistas pero ante a negativa dos de Arousa, propuxeron unha vía rotatoria. Esta proposta tampouco foi aceptada polo PSdeG, que sostivo que era a lista máis votada --de esquerdas-- e, por tanto, debía ter o bastón de mando.

"Así que, a mellor opción para todos e, fundamentalmente, para o pobo é que nos entendésemos e non que houbese un goberno en minoría", explicou Suárez a Europa Press. No pacto de investidura e goberno ao que tivo acceso Europa Press plasma as diferentes áreas das que será responsable cada partido.

"GOBERNO ENTRE IGUAIS"

Desta forma, indicou que a formación da corporación local é unha repartición de áreas paritario, no que todos os órganos colexiados van estar compostos por igual número de membros das dúas forzas. "Vai ser un goberno entre iguais", esgrimiu.

O BNG, será o encargado de Servizos, Economía, Facenda e especial de Contas, Persoal, Cultura, Servizos Sociais, Mocidade, Igualdade, Educación e Mar. No que respecta ao PSOE, quedará coas áreas de Urbanismo, Tráfico, Formación e Emprego, Terceira Idade, Obras, Medio Ambiente, Turismo e Deportes.

Finalmente, Suárez lembrou que esta é a primeira vez que o BNG alcanza integrar o goberno municipal na Illa e Arousa. "Nós dixemos que nos iamos a presentar con vocación de goberno obtivemos respaldo suficiente para estar no goberno e imos estar aí", sinalou.

Luis Arosa, candidato do PSdeG na Illa
Luis Arosa, candidato do PSdeG na Illa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta