Abel Caballero, investido alcalde por quinta vez consecutiva, volve reivindicar: "Se gaña a miña lista, gaña Vigo"

O BNG sí que a cidade non é "Abelgrado".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/06/2023 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia



O candidato do PSOE á Alcaldía de Vigo, Abel Caballero, foi investido alcalde este sábado para un quinto mandato consecutivo, no pleno extraordinario que se celebrou no Auditorio do Concello, e no que o rexedor reivindicou o gran apoio obtido nas urnas e o traballo levado a cabo nos últimos 16 anos.

Na súa intervención, Abel Caballero fixo balance dos logros dos últimos mandatos e proclamou que, o pasado 28 de maio, "a democracia falou" e outorgou á súa candidatura un apoio "inapelable". "Vigo camiña unida (...) O meu partido e o meu proxecto chámanse Vigo, cando gaña a miña lista, gaña a cidade", subliñou, á vez que mantivo a súa confrontación coa Xunta de Galicia, á que acusou de non investir na cidade e de bloquear proxectos.

O rexedor olívico prometeu responder á confianza que a cidade volveu a depositar na súa candidatura, e que o seu equipo dialogará con Vigo "cada día, cada mes" porque así é como gobernan, "en diálogo permanente coa cidade".

Na sesión deste sábado, a candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, sinalou que a configuración da Corporación reflicte a "pluralidade" de opinión na cidade, e advertiu de que os resultados supoñen un cambio de ciclo no que Vigo expresou que "quere o mesmo goberno pero non a mesma forma de gobernar", polo que instou a que haxa máis colaboración con outras administracións e axentes.

Pola súa banda, o candidato do BNG, Xabier Pérez Igrexas, ofreceu "man tendida" e "diálogo" para construír o Vigo do futuro, e apostou por traballar por, entre outros cambios, reformar o regulamento do pleno, para que "nunca máis" se "amordace" á oposición. Así mesmo, recalcou que "Vigo non é Abelgrado" e "hai que deixar atrás os tics autoritarios".

Abel Caballero, investido alcalde para un quinto mandato consecutivo en Vigo, no pleno extraordinario do 17 de xuño de 2023.
Abel Caballero, investido alcalde para un quinto mandato consecutivo en Vigo, no pleno extraordinario do 17 de xuño de 2023. | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta