Ata 80.000 galegos foron atendidos polos nutricionistas do Sergas nos primeiros seis meses do ano

"A nutrición eríxese como unha aposta de futuro por conseguir unha Galicia máis saudable", dixo Julio García Comesaña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2023 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este luns no I Foro de Nutrición de Galicia, un encontro no que destacou as máis de 80.000 consultas realizadas no que vai de ano polos 94 especialistas en nutrición que o Sergas incorporou a Atención Primaria.

A Consellería de Sanidade acolleu o acto, no que se presentou un novo protocolo de coordinación desta especialidade, que permitirá a comunicación directa entre os centros de Atención Primaria, as consultas de endocrinoloxía dos hospitais, e a Rede de Unidade de Apoio Nutricional.

"Este modelo permitirá a apertura dunha vía de comunicación directa entre os servizos de endocrinoloxía do sete áreas sanitarias, e as unidades de nutrición de Atención Primaria", explicou García Comesaña, á vez que subliñou que este traballo colaborativo "aumentará a capacidade de resolución" dos servizos de endocrinoloxía en ambos os niveis asistenciais.

Durante o foro, o conselleiro agradeceu o labor que desempeñan a diario os novos nutricionistas e os servizos de endocrinoloxía da rede sanitaria pública galega. Así, destacou que a súa incorporación xa está a mostrar "os seus efectos positivos" no sistema público de saúde.

Por outra banda, García Comesaña puxo en valor o bo funcionamento do programa de fomento de estilos de vida saudables da Xunta, o 'Plan Obesidade Zero', que desde a súa posta en marcha xa permitiu crear a Rede Galega Local de Promoción da Saúde; ou o programa 'Adestra a túa saúde', cuxo pilotaxe xa esta conectando os centros de atención primaria co persoal promotor de exercicio dos concellos galegos.

Nesta liña, o responsable da carteira sanitaria tamén lembrou a importancia doutras iniciativas pioneiras no campo da dietética e da nutrición, como é o caso do 'Proxecto Nutriescolas', e co que a Xunta leva a boa alimentación aos comedores dos centros educativos galegos.

"A nutrición eríxese como unha aposta de futuro por conseguir unha Galicia máis saudable", dixo García Comesaña, á vez que convidou á poboación galega a levar un modelo de vida saudable no que a alimentación sa se conjugue coa realización dalgunha actividade física de maneira regular.

Nutricionistas para a área sanitaria da Coruña-Cee
Nutricionistas para a área sanitaria da Coruña-Cee | Fonte: CHUAC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta