Os irmáns acusados de matar a un veciño e queimar o seu cadáver en Toques volven esta semana a sentar no banco

O xuízo contra os dous acusados, para os que Fiscalía pide 18 anos de cárcere, arrincou en febreiro, pero tivo que suspenderse pola folga

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2023 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña fixou para a próxima semana, desde o martes, día 4, o xuízo contra os dous irmáns acusados de asasinar en 2019 a un veciño co que tiñan mala relación en Toques e, posteriormente, queimar o seu cadáver. O crime foi descuberto polos servizos de extinción da Xunta, que acudiran a sufocar un incendio forestal supostamente orixinado no crime.

O xuízo por este caso, polo que Fiscalía pide 18 anos e cinco meses de prisión para cada irmán e que contará con xurado popular, fixouse a inicios do pasado mes de febreiro, pero entón tivo que ser suspendido pola folga de Letrados da Administración de Xustiza.

O suceso remóntase á primavera de 2019. Segundo recolle o escrito de acusación de Fiscalía, os irmáns, que residían xuntos, e o falecido, de 59 anos, eran veciños da mesma parroquia de Toques. As súas casas atopábanse a pouca distancia e a súa relación era moi mala desde hai anos, con continuos enfrontamentos e "rifas familiares" que eran coñecidas na zona.

O relato dos feitos elaborado polo Ministerio Público sitúa o crime despois das 19,00 horas da tarde do 27 de marzo, cando a vítima se atopou cos irmáns nas proximidades da casa dos acusados.

Por mor deste encontro produciuse unha discusión que, segundo Fiscalía, derivou nunha pelexa na que a vítima, Xullo Lea, recibiu tres golpes na cabeza cun obxecto similar a unha maza, que lle provocaron a morte.

A continuación, os acusados chamaron a un primo, que se presentou no domicilio dos irmáns para axudalos a ocultar o crime. O tres trasladaron o vehículo e o corpo do falecido ata unha área forestal do lugar da Capela, no termo municipal de Toques. Alí, prenderon lume ao coche e ao cadáver cunha garrafa de gasolina e abandonaron o lugar.

Este acto provocou un incendio forestal que arrasou 35 hectáreas e que obrigou a intervir aos servizos de extinción da Xunta, quen deron o aviso á Garda Civil tras atopar o cadáver "completamente calcinado" xunto ao coche.

Os tres acusados foron detidos meses máis tarde do crime, en xuño de 2019. O xulgado decretou o ingreso en prisión provisional para os dous irmáns, que permaneceron encarcerados de forma preventiva durante un ano.

MÁIS DE 18 ANOS DE PRISIÓN

Así as cousas, Fiscalía considera aos dous irmáns culpables dun delito de homicidio, outro de profanación de cadáver e outro de encubrimento, o que suma unha petición de penas de 18 anos e cinco meses de cárcere. Para o terceiro dos acusados, o seu primo, solicita seis anos de prisión por un delito de profanación de cadáver, outro de danos e un delito de encubrimento.

Ademais das penas de cárcere, tamén propón que indemnicen aos irmáns da vítima, que estaba solteiro e non tiña fillos, e que sufraguen os gastos derivados das tarefas de extinción do incendio provocado ao tratar de ocultar o crime.

Exterior da Audiencia Provincial da Coruña
Exterior da Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta