Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 17:20
Os resultados da consulta realizada a semana pasada sobre a proposta de convenio colectivo e de plan industrial 2023-2027 levaron aos comités de empresa de Navantia a elaborar un calendario de mobilizacións que non se deterá co inicio da campaña electoral.
"É un momento que hai que aproveitar para transmitir esas demandas á dirección, que como se sabe está nomeada polo Goberno", sinalou na mañá deste martes o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey.
O rexeitamento "maioritario" a ambos os documentos reactivou as protestas, como a de onte martes, que foi interna. En principio, a seguinte mobilización tamén terá ese carácter e será anunciada polo comité intercentros nas próximas horas. "Haberá máis paros", adiantou García Juanatey, "porque co seu voto o persoal díxoo claro".
O presidente do comité confía en que a reunión en Madrid entre os representantes dos traballadores e o presidente de Navantia que se celebrará este venres ás 11.00 horas sirva para lograr algún avance.
"Esperamos ver que hai disposición a seguir negociando e avanzando neste convenio, que é insatisfactorio para todas as partes", explicou o portavoz dos traballadores do estaleiro ferrolán, que condicionou o mantemento ou intensificación das protestas aos resultados dese encontro. "Todo dependerá de se hai avances nesa reunión", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.