Desaparece un mariñeiro de Porto do Son en augas próximas a Panamá

O home, de entre 45 e 50 anos, estaba a realizar a garda na ponte e descoñécese que puido ocorrer. Varios barcos que faenaban na zona colaboran na súa busca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 08/07/2023 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Un mariñeiro do municipio coruñés de Porto do Son desapareceu en augas próximas a Panamá cando o barco espadeiro do que é patrón, o Cosmos, con base en Ribeira, se dirixía a porto a descargar para, posteriormente, regresar a Galicia.

Barco en alta mar
Barco en alta mar | Fonte: César Ortiz - Europa Press

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o mariñeiro desaparecido, un veciño de Porto do Son de entre 45 e 50 anos, estaba a realizar a garda na ponte e despois desapareceu, pero descoñécese que puido ocorrer.

Tal e como confirmou a Europa Press o alcalde do municipio, Luís Oujo, que xa se puxo a disposición da familia e mantense en contacto coa Consellería do Mar, varios barcos que faenaban na zona colaboran na busca do mariñeiro galego.

O rexedor tamén asegurou que nestes momentos están "un pouco cegos", xa que a familia do desaparecido conta con "moi pouca información". Por iso, nestes momentos, Oujo trata de solicitar información sobre como proceder tamén a través de contactos de Salvamento Marítimo e da Mariña Mercante, así como da Confraría de Ribeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta