Oito centros educativos recoñecidos polas súas accións innovadoras de fomento do uso do galego

Recibirán 2.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 09/07/2023 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Oito centros galegos foron recoñecidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades polas súas accións "innovadoras" de fomento do uso da lingua galega, correspondentes ao curso de 2022 e 2023.

Alumnado e estudantes dun instituto
Alumnado e estudantes dun instituto | Fonte: XUNTA - Arquivo

Segundo trasladou o Goberno autonómico, este recoñecemento enmárcase no ámbito do programa de Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística.

Nesta ocasión, a comisión de selección valorou especialmente os proxectos en función do "seu interese educativo, a súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade".

Así mesmo, tivo en conta as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.

Os cinco centros seleccionados como excelentes recibirán unha dotación económica de 2.000 euros. Ademais, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

No caso da Mención de Honra, os docentes participantes no proxecto reciben unha certificación de accésit. Tal e como explicou a Consellería, o obxectivo desta iniciativa é "animar ao profesorado para desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual" do centro escolar e que xeren "melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino".

Os centros seleccionados foron: os colexios de Reboreda, de Redondela; A Solaina, de Narón; e o Plurilingüe Antonio Orza, de Boqueixón; os institutos Ricardo Carvalho Calero, de Ferrol; Martaguisela, do Barco de Valdeorras; Ramón Cabanillas, de Cambados; ademais do Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha, de Ferrol. A Mención de Honra foi concedida ao Centro Integrado de FP Paseo das Pontes, da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta