Como combater nas horas baixas? (1)

... Que ninguén se trabuque, o éxito do nacionalismo galego non se pode medir polos resultados nas furnas, senón pola influencia na sociedade... Bautista Álvarez

Por Fermín Paz | As Pontes | 14/07/2023

Comparte esta noticia
O nacionalismo galego sempre tivo que desenvolverse nun contexto dificultoso, con poucos anacos de tempo para a ledicia. Desde as terras do Barqueiro (Mañón) e lembrando ao amigo e compañeiro Bautista Álvarez quixen formular unha pregunta a partires dunha cita que foi extraída da súa intervención no 40 aniversario da UPG. Tratarei de darlle resposta neste artigo que entregarei en dúas partes. 
 
Atopámonos de cheo nun novo proceso electoral no Estado Español. Eu xa fixen os meus prognósticos e non os vou trocar. É posible que a campaña influía algo no intercambio de votos mais sempre na interioridade dos bandos conformados no españolismo, favorecendo por unha banda o PP en prexuízo de Vox e pola outra o PSOE en detrimento de Sumar, ou ben, no sentido contrario mais sempre nese eixo. 
 
A pregunta que fago na cabeceira deste artigo estou certo que "Bau" comentouna moitas veces e  deberiámola tamén facer tódolos patriotas galegos namentres Galiza non acade a súa liberación nacional. Neste camiño necesario e prioritario na acción política hai moitos asuntos que  atravesan  e condicionan, tanto a expansión da influencia como o cumprimento das tarefas  que se precisan para avanzar, e os resultados do vindeiro 23 de xullo non deberan ser moi condicionantes. 
 
Si, chegan tempos borallosos e de fume pero non máis que os vividos noutras etapas. O escenario postelectoral vai supoñer máis crueldade e posiblemente  máis clarificación por iso, convén estar alerta, máis e mellor organizados e tomar decisións estratéxicas mirando máis lonxe do hoxe e dos resultados desta coxuntura.
 
Malia que os grandes beneficiados  da contenda van ser o españolismo e o bipartidismo, a obriga política prioritaria dos que non participamos nin nos sentimos inxeridos desa pertenza é facer unha análise da resultante e as súas consecuencias, en dúas perspectivas, a xeral e a específica do nacionalismo galego. 
 
Na maioría do Estado, o proceso electoral estableceuse  intencionadamente como un confronto entre os dous bandos maioritarios. Por unha banda, a España unha grande e libre, baixo o lema  "a derrogación do Sanchismo" e pola outra o "progresismo suma". Os resultados son tan inamovíbeis como evidentes desde hai tempo, cando menos para min, e non vou perder ou deixar sen conexión ningunha neurona (si é que teño algunha de proveito), en atopar unha explicación ou un razoamento xustificativo. A pregunta que deberíamos facernos é, o que vai supor?, e o que facer? 
 
A pretensión estratéxica dun confronto a dous bandos (esquerda- dereita) non foi exitoso. Gañou a dereita tanto no relato como nos resultados. O nacionalismo español vai impoñer a súa dinámica, logo das correccións obrigadas na esquerda española nas súas interioridades partidarias que a obrigarán a volver ao rego sistémico .
 
Novo liderado, tempo necesario para a reconstrución do seu espazo e unha espera obrigada para converterse, de novo, na  alternativa socialdemócrata no Estado Español. O ciclo político, ao igual que outros sistemas, teñan tamén a súa constante. A diferencia é que na Natureza as constantes teñen base nuns códigos numéricos previsíbeis e, naqueles nos que interveñen os seres humanos a constante, é a contradición porque forma parte do pensamento lóxico. 
 
A realidade implica resituarse de novo nunha ecuación, en se mesma, irresoluble, a unidade da que falan no seu relatorio e acción, é imposíbel porque as diversidades nacionais, a forza, por decreto ou polo pacto constitucional non teñen viabilidade ningunha. Nesa contradición deberianse centrar os esforzos, a ilusión e os obxectivos normalizadores para o devir na Nosa Terra. Corenta e moito anos leva o nacionalismo galego enguedellado nun debate sobre a prioridade na acción. A consecución da plena soberanía ou conxugala cunha orientación mais esquerdista. Na práctica supuxo a división, moitas probatorias orgaizativas, certo seguidismo de experiencias alleas e  alianzas co españolismo sen ningún resultado ou retardadoras na agudización da contradicción principal. A Patria Galega máis aló dos sentimentos de cada quen, ten que ter unha concreción política e apoio da maioria da sociedade galega. Logo que veña o que teña que vir. 
 
O salientable desta situación é que concede posibilidades ao nacionalismo galego (aínda que pareza o contrario), se sabe aproveitar o "desastre" na esquerda española. A transferencia nos apoios electorais non van afectar en Galiza ao Bloque. É probable que neste novo ciclo político se converta en refuxio de votantes de esquerda e doutras alternativas do polo "progresista" con desapego o que están a facer os seus dirixentes, cando menos iso foi o que aconteceu na secuencia histórica das crises na socialdemocracia española. Iso si, hai que ter en conta que a cuestión da que estou a falar é temporal e que actúa en ámbolos dous sentidos. Cando a crise remata os votos "refuxiados" no nacionalismo galego reverten na socialdemocracia, polo efecto dos vasos comunicantes na transferencia de apoio social e voto. O BNG está obrigado a "mover ficha" nesta coxuntura, arriscar no lanzamento dun proxecto inclusivo  para o conxunto de quen comparte a prioridade política é blindarse diante do PP como forza alternativa para o Goberno Galego e desprazar ao PSOE da súa situación acomodaticia e garante sistémica como fixeron antes cataláns e vascos, e accederon a gobernar a Autonomía no seu territorio nacional e ampliar moito a súa influencia. Tamén pode optarse por vivir das rendas, mais debería saberse que ese modelo de acción política ten pouca durabilidade, e máis cedo que tarde, chegarán as horas baixas e daquela só quedará o resistencialismo no mellor dos casos e no peor, os desapegos e as hostilidades. 
 
O que acontece no Estado Español non é diferente a outras realidades europeas. A identidade da pertenza obrigada a un Estado non é doada. Moi dificultoso é explicar que significa ser inglés como oposto a ser británico ou o de Irlanda do Norte baixo o control do Reino Unido, mentres que Irlanda do Sur é un estado independente e soberano, etc...
 
A maioría de galeg@s, cataláns e vasc@s diferencian a  súa identidade galega, catalá ou vasca da española, algo que non lles ocorre a casteláns, andaluces murcianos ou estremeños. Esas diversas formas de pertenza, da historia e da identidade requiren acomodos institucionais e arquitecturas diferentes na unidade dos Estados, articulados hoxe dun xeito ou doutro. 
 
Os sentimentos teñen máis dificultade para enxugar e conducir aínda que sexa con aguillada. Esta é unha das cuestións que necesitan unha seria discusión e dos que falarei na segunda parte. 

Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo
Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.