Por gcdeportes | Compostela | 13/04/2015 | Actualizada ás 09:00
Xa leva trece campionatos, o compostelán Borja Golán. E seis consecutivos a viguesa Xisela Aranda. Galicia dominou un ano máis o Campionato de España de squash, celebrado esta fin de semana nas instalacións do Squash Club Santiago no Milladoiro (Ames).
O compostelán Borja Galán impúxose na final con contundencia ao seu compañeiro de club e adestramentos, o tamén santiagués Carlos Cornes. Golán só necesitou tres sets e firmou un triplo 11-3 en 41 minutos para cumplir cos prognósticos que o colocaban como gran favorito. Borja Golán gañou 3-0 os cinco partidos do campionato que se disputou dende o venres pola tarde. Carlos Cornes eliminara en semifinais o segundo cabeza de serie do torneo, o valenciano Álex Garbi, cun apertado 3-2. O campión desfíxose do mallorquino Bernat Jaume por 3-0, para deste xeito disputar por primeira vez unha final compostelá. Con este campionato, Golán suma o seu título número trece dende 2002, todos agás o de 2010 no que estaba lesionado nun xeonllo.
Polo mesmo camiño vai Xisela Aranda, que gañou na final á murciana Cristina Gómez cun triplo 3-0 (11-8, 11-3, 11-3) en 24 minutos. Ao igual que Golán, a viguesa, a grande favorita, non cedeu nin un só set en todo o campionato e acadou en Compostela o sexto título consecutivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.