Empresas auxiliares: quen traballa para quen e en que traballa?

A externalización de determinados servizos supón para as grandes empresas uns aforros en custos salariais e laborais. Primeiro porque os salarios dependerán das auxiliares ou subcontratadas que se cinguirán ao orzamento establecido polo contrato coa empresa matriz. Segundo, porque en caso de ERE, ERTE ou diferentes reaxustes, a idea é que sexa a subcontratada quen asuma os riscos de folgas, protestas e indemnizacións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A subcontratación, externalización e ás veces chamada erroneamente reestruturación das empresas, trae canda si a aparición ou creación de empresas denominadas auxiliares que, por definición, están aí para realizar tarefas xa non asumidas pola empresa grande ou tarefas especializadas con necesidade de persoal especificamente formado para traballos moi técnicos. En principio, as grandes empresas cos seus elevados orzamentos non terían necesidade de recorrer ás auxiliares, pois poderían contratar e mesmo formar os seus especialistas. Se non é así débese á permisividade das leis e das autoridades políticas que as deseñas de cara a permitir a “flexibilidade” laboral e o aumento das marxes de beneficio.

Proceso de fundición  - Europa Press.
Proceso de fundición - Europa Press.

AUXILIARES, ETT E MULTISERVIZOS

A proliferación de empresas con algunhas características parecidas pode confundir a quen busque sinalar unha auxiliar. En primeiro lugar, “unha empresa auxiliar ofrece un servizo que a empresa principal considera externalizable e así pode aforrar e optimizar servizos” di Armando Iglesias de CCOO. Por que externalizan traballos as grandes empresas? “Non hai unha resposta concreta mais pode entrar o non querer ter compromisos cos traballadores” apunta Javier Carreiro da UGT, daquela, menor número de persoal, menor número de compromisos laborais. “As auxiliares nacen para asumir tarefas externalizadas que xa non quere asumir a empresa principal” di Francisco González Sío da CIG.

As empresas de traballo temporal (ETT) son as dirixidas á busca de emprego mediante contratacións temporais, non poden considerarse auxiliares, aínda que si median para contratacións nestas últimas. Poden dar formación, poden ofrecer planos de emprego ou facilitar xestións de contratación, porén, non son empresas dirixidas a ofertar un servizo laboral directo a unha empresa maior.

Por outra parte, as empresas multiservizos (Ilunion, Eulen, por exemplo) ofrecen diferentes “solucións” condensadas nun paquete que, normalmente, ten o seu propio convenio de empresa. Poden traballar en seguridade, limpeza, mantemento e calquera área que poidan asumir. “A diferenza está en que as auxiliares son especialistas no seu terreo, as multiservizos teñen un abano amplo de ofertas” di Armando Iglesias. O negativo destas empresas é que os e as traballadoras de seguridade, por exemplo, non están dentro do convenio de seguridade, sexa estatal, autonómico, provincial ou de sector. “Un traballador de limpeza dunha multiservizos non cobrará o salario estipulado no convenio do sector” será dentro do convenio de empresa.

UN BUCLE CASE SEN FINAL

“Durante o boom da construción puidemos observar que nunha mesma obra había unha subcontrata para mover terra, outra para albaneis e así até o infinito” di Javier Carreiro. Neste caso o promotor da obra realiza as subcontratas para construír, mais el só queda coa parte administrativa da promoción. “Iso aconteceu coas obras do AVE, cando as grandes empresas só tiñan persoal de administración, enxeñaría e cadros especializados,  despois eran as auxiliares as que realizaban o traballo de construción”.

“O necesario, o xusto é que as auxiliares cobren segundo os convenios establecidos nos diferentes sectores” apunta Armando Iglesias. A falta de igualdade salarial é un dos distintivos destas empresas, pois a chamada externalización leva parella “unha precarización e un desamparo dos traballadores que complica a existencia de condicións laborais decentes”.

Un caso cercano no tempo é a folga no metal de Pontevedra. Aquí a precarización pode verse mesmo no feido de que o convenio provincial até o de agora non recollía a obrigatoriedade de subrogar traballadores e traballadoras no caso de que a empresa finalizase ou extinguise o contrato coa compañía principal. Isto permite, segundo as fontes sindicais consultadas, unha maior precarización pois a medida que se releva unha empresa a outra as condicións laborais poden ir empeorando.

“A subcontratación é corrupción legalizada mediante o Estatuto dos Traballadores pois as interpretacións dos xulgados do Laboral son ás veces moi relativas” declara González Sío. Hai casos de empresas multinacionais en España que subcontratan unha grande cantidade de servizos, algunhas destas multinacionais proceden do norte e centro de Europa onde as lexislacións laborais son máis estrictas. “Houbo casos en que chegaron os directivos das empresas matrices en Europa e os responsables das seccións españolas agochaban os traballadores auxiliares nunha nave para que non os visen”. Estarían aparecendo irregularidades que non convén destapar.

As empresas auxiliares poden prestar servizos moi especializados e seren contratadas para períodos de tempo específicos, como campañas de mantemento durante o verán. Mais o habitual é que sexan “solucións” das grandes compañías para desfacerse de seccións que non lles resultan rendibles e así evitan a confrontación social que traerían recortes de persoal, ERE ou ERTES. A isto únese a precarización continua de dereitos laborais e mesmo da seguridade e hixiene laboral seguido dos riscos para a propia integridade da persoa traballadora. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta