A MIT de Ribadavia bota a andar

Este 15 de xullo inaugúrase unha MIT que aposta polos Premios Revelación e as novas voces escénicas do panorama de todo o Estado. Haberá ata 6 actividades por día, con espectáculos de rúa, actividades paralelas e a convivencia entre artistas consolidadas e valores emerxentes e novidosos.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 15/07/2023 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza este 15 de xullo a súa programación co obxectivo de converter esta vila ourensá nun rebulir de encontros e emocións arredor de varios escenarios. Máis dunha vintena de espectáculos, que se poderán ver entre o Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, o Auditorio Rubén García do Castelo, a Igrexa da Madalena, así como outros espazos alternativos da rúas de Ribadavia e o rural ata o día 23.

Pase da obra de teatro afeccionado 'Veciños'. Función de 'PreMIT' con Teatro do Vilar. Foto: MIT.
Pase da obra de teatro afeccionado 'Veciños'. Función de 'PreMIT' con Teatro do Vilar. Foto: MIT.

No acto de inauguración, ademais dos espectáculos da arxentina Marina Otero e do multipremiado clown galego Roi Borrallas, farase entrega do Premio de Honra ao xornalista Luís Álvarez Pousa e ao director de escena Eduardo Alonso. Acontecerá na Alameda, coa asistencia do Director General do INAEM do Goberno de España, o Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia e diversas personalidades vinculadas á Academia Galega do Teatro e a distintas asociacións teatrais.

Esta MIT da memoria, de celebración e de humor, de exploración e de innovación, destaca a presenza de varios Premios Max, como a poderosa actriz Alessandra García ou a compañía de recente creación Mujer en Obras. Compañías que atesouran o Premio de Novas Voces da Crítica, como Las Huecas ou o Premio Xuventude Crea, como é o caso da galega Vórtice Escénico.

Esta edición conta con espectáculos sorprendentes na súa composición, como é o caso de If, la ligereza, da madrileña Compañía del Sr. Smith, onde o público vota entre unha serie de vidas alternativas dos personaxes, para elixir cal quere ver representada. Un dos espectáculos máis refrescantes do ano e que se estrea en Galicia, como a maioría dos espectáculos do programa, coa oportunidade única de gozar deles en entornos de gran beleza patrimonial.

Todo o programa na web da MIT.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta