Néstor Rego: “Sumar ataca o BNG e non ao PP nesta campaña, nós non nos equivocamos de inimigo"

Néstor Rego é o número 1 das listas do BNG pola provincia da Coruña. Considera que o Bloque pode dar un golpe de efecto nas xerais, mesmo superando os dous deputados no Congreso. Non considera que Sumar e BNG estean a competir por un mesmo espazo político e ideolóxico, mais reafirma cales son as bases fundamentais do seu partido fronte a outra maneira de entender a esquerda desde Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/07/2023 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

-Ten confianza nas enquisas (o CIS a día 17 de xullo dálle ao BNG un 0.9%) que mesmo sinalan que lle quitarían tres deputados ao PP?

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG

As enquisas sempre temos que collelas con moita prudencia pois aínda ben feitas poden non atinar. Moitas veces responden a intereses concreto, mais o que non poden ocultar son as tendencias e a tendencia é clara: o BNG vai medrar en representación. E ademais, nos últimos anos temos a experiencia de superar as enquisas. Fixémolo nas galegas de 2016, nas 2020, tamén nas eleccións locais e considero que tamén o faremos nesta ocasión. Estamos convencidos que imos subir en todas as provincias, mesmo en Lugo e Ourense, é perfectamen te posible, por iso debemos traballar a semana que nos queda por diante para convertelo en realidade.

-Confía entón que o BNG conte con 2 ou 3 deputados no Congreso?
Conto con que o BNG suba e aumente a representación. Non vou aventurar cal pode ser o resultado nin establecer ningún límite. Nós aspiramos a que teña representación en todas as provincias, aínda sendo conscientes da dificultade en Ourense e Lugo porque hai menos escanos para repartir, tamén sabemos que é posible. Se todo o voto inconformista, mesmo decepcionado cos incumprimentos das forzas da esquerda estatal se se concentra no BNG, é perfectamente posible que o Bloque teña escano e que llo quite ao PP, iso din as enquisas, medramos nesas circunscripcións a costa do PSOE. Nós aspiramos a restarlle deputados ao PP e cremos que o podemos facer.

-Vostede cre Sumar pode restarlle espazo ao BNG ou pode haber unha inclinación maior para vostedes?
Para nós, a diferenza do que parece pola campaña que está facendo Sumar en Galicia coa intención de atacar o BNG e non ao PP, nós non nos equivocamos de inimigo. Nós podemos facer críticas puntuais, a incumprimentos como cando dicimos que non se derrogou a reforma laboral do PP. Tanto era así que agora o mesmo PP recoñece que a reforma laboral actual é unha boa norma. Mais para nós o obxectivo fundamental é dar forza a Galicia e con esa forza evitar que goberne a dereita e ultradereita. Por iso insisto, a nosa meta é restar escanos ao PP, por tanto seguiremos traballando nesa liña. É certo que tanto BNG como Sumar responden a perfís diferentes en cuestións fundamentais, en todo caso, se algo podemos dicir é que o BNG actuou con absoluta coherencia durante estes catro anos, tanto defendendo os intereses de Galicia como impulsando políticas sociais avanzadas. Creo que esa coherencia tamén se recoñece por parte do electorado que busca avances sociais en Galicia e no Estado español.

Estamos convencidos que imos subir en todas as provincias, mesmo en Lugo e Ourense

-Ante un hipotético goberno PSOE-Sumar co apoio doutras forzas progresistas, cales serían os puntos que poría o BNG sobre a mesa e as liñas vermellas?
En primeiro lugar, reafirmo o dito durante esta campaña, se do BNG depende, Feijóo, o PP e Vox non van gobernar. Iso no significa que deamos un cheque en brango a ninguén. Fixémolo hai catro anos, o noso voto foi decisivo para a investidura mais foi a cambio dun acordo de investidura que en parte se cumpriu e en parte foi incumprido polo actual goberno. Por iso nos sentimos con lexitimidade para pedirlle agora ao pobo galego que nos dea máis forza, máis representación, por que? Porque se cun deputado conseguimos un bo acordo para Galicia, con tres, catro ou cinco deputados teremos a capacidade de condicionar as maiorías parlamentares, dentro dun espazo sen maiorías absolutas. Tamén poderemos ter a capacidade decisiva para obrigar que se cumpran os acordos. Sermos determinantes para que o goberno do Estado non esqueza o noso país. Dito isto, que liñas hai sobre a mesa? Nós creamos un decálogo para esta campaña e que recolle os elementos máis importantes. Un deles é volver a aumentar o investimento en Galicia, situalo no horizonte dos 2.000 millóns de euros en que estivo nos anos 2008, 2009 e 2010 grazas ao BNG e que despois, tanto PP coma PSOE o colocaron por debaixo dos 1.000 millóns e agora en 2023 está nos 1.072 millóns de euros, porque temos un déficit histórico en investimentos sobre todo en infraestruturas viarias, servizos como o de cercanías e en políticas sociais tamén. Por tanto esa vai ser unha das cuestións da transferencia de todas as competencias pendentes pois é evidente que si, mais xa estaba no acordo anterior. Por iso fago fincapé en que non só se trata de crear compromisos senón de ter a capacidade para cumprilos.

-Fala de entre tres e cinco representantes do BNG no Congreso mais non ten medo a que Vox poida sacar polo menos un deputado por Galicia?
Creo que Vox non terá representación en Galicia, hoxe en día é unha forza irrelevante no noso país e non tivo ningún deputado no Parlamento nin representante por Galicia no Congreso dos Deputados. Agora ten unha concelleira con 176 votos no Concello de Avión, penso pois que é unha forza irrelevante e que en Galicia está á baixa. Quero recordar que hai catro anos que o BNG foi determinante para que Vox non entrase pola provincia da Coruña. Estou convencido de que iso non acontecerá, creo que hoxe a sociedade galega é moito máis consciente do que representa en termos de involución en canto dereitos feministas, de diversidade, en canto a lingua e a cultura, creo que a sociedade é moito máis consciente do que representa Vox e por tanto non ten apoios neste país.

O mesmo PP recoñece que a reforma laboral actual é unha boa norma

-Está moi convencido de que o BNG vai romper o seu teito de cristal en canto a votos.
Non cremos que o BNG tivese ningún teito, é certo que ten un histórico mais ese histórico xa o rompemos nas eleccións galegas e tamén estamos convencidos que o imos romper nestas eleccións xerais. Eu só digo que nas eleccións galegas pasamos de 6 a 19 deputados, creo que aquí tamén imos multiplicar. Cos resultados das municipais teriamos representación nas catro provincias e a quinta ou quinto deputado, que sería o segundo pola provincia da Coruña. Sabemos que as extrapolacións son complicadas, en todo caso isto di que é posible. As últimas eleccións municipais aconteceron hai pouco máis dun mes e as persoas que daquela confiaron no BNG, estamos convencidos que confiarán no BNG dentro dunha semana, aínda máis, aspiramos a sumar máis apoios ao BNG nestas eleccións xerais.

-Independentemente dos deputados e deputadas que consigan, defenderán o dereito de autodeterminación de Galicia?
Farémolo igual que o fixemos durante estes últimos catro anos. Foron numerosas as ocasións en que defendemos o recoñecemento de Galicia como nación e de autodeterminación porque, aínda sendo un dereito colectivo, é un dereito democrático esencial recoñecido na Carta Fundacional da ONU, recoñecido no dereito internacional. A defensa do dereito á autodeterminación fai parte da proposta política e programática do BNG, defender a soberanía de Galicia e defender no inmediato e avanzar no autogoberno coa asunción de todas as competencias previstas e aínda pendentes. Algunhas son relevantes como a transferencia de seguranza viaria, seguranza pública, transportes ou o despregamento da policía galega que está creada por lei desde o ano 2007, unha lei de cando o BNG estaba no goberno e agora gardada nun caixón. Por tanto, si hai horizonte para avanzar no autogoberno, o caso é que Galicia teña plena capacidade para decidir sobre os seus asuntos.


-Iso sendo a única autonomía que non reformou o seu estatuto de autonomía.
Iso é así, un dato obxectivo, non é opinable, por tanto nos parece un contrasentido. Por iso o BNG defende a apertura dun novo marco político que blinde Galicia como nación e  que blinde tamén as competencias galegas que, se nos fixamos, poden ser borradas cun simple decreto do Goberno, algo que aconteceu durante a pandemia coas competencias de sanidade. Aquí aínda se trata primeiro de asumir todas as competencias, pois o balance do PP nesta materia foi desolador, cero competencias en catorce anos. Tamén hai que dicir que o PSOE tampouco ten ningún interese. Aquí alimentáronse mutuamente PP e PSOE, un non as pedía e o outro tampouco mostraba interese en facer cando podía ter tomado a iniciativa de ter convocado a Comisión Mixta de Transferencias e poñer na mesa as competencias sen transferencia. A asunción de competencias debera ser inmediata.

-Cun goberno central con Feijóo na cabeza, cales serían os puntos que o BNG defendería sen ceder ante presións?
Creo que esa situación non se vai dar, son optimista e penso que a dereita non vai ter posibilidade de gobernar. Xa digo que se depende do número de deputados do BNG non vai ser así. En todo caso, a liña política do BNG nesta materia vai ser a mesma que tiñamos no Congreso fronte as políticas de involución que mantiveron tanto PP como Vox. A nosa posición aí foi de absoluta contundencia e defendendo, fronte os intentos de involución, avanzar decididamente en dereitos. Non se trata de contemporizar e quedar a medias para ver de se non hai unha reacción virulenta dos ultras. Esa reacción vaina haber sempre e do que se trata é de avanzar decididamente. Falamos de defender os dereitos das mulleres fronte quen nega a violencia machista, defender a igualdade, a recuperación de dereitos laborais, modificar as indemnizacións por despedimento recuperando as condicións anteriores ao ano 2012, coa reforma do PP, dereitos nas pensións, xubilación aos 65 anos, aumentar as pensións mínimos e defender os dereitos básicos. Aquí estamos falando dunha ultradereita e dunha dereita ultra que, entre outras cosas, levou ao Congreso unha lei para ilegalizar forzas soberanistas e “separatistas”. Sorprendentemente, o PP nesa votación abstívose, algo que lle lembrei no seu momento a Miguel Tellado (PP). Cando Vox leva unha lei así o PP abstense en vez de defender a pluralidade política.

A defensa do dereito á autodeterminación fai parte da proposta política e programática do BNG

-Hai gobernos do PP con apoio de Vox na Comunitat Valenciana e nas Illes Balears e agora mesmo non se sabe como lle irá ao catalán das Illes e ao valenciano. Cun goberno Feijóo-Vox pode o galego correr perigo?
Vox ataca a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa existencia como pobo. Creo que tamén é evidente que para atacar a nosa lingua o PP non necesitou de Vox. Levamos anos de ataques sistemáticos como o decreto de plurilingüismo do PP en Galicia, partindo da base da imposición do galego. Nesa medida uns e outros se reforzan e o BNG estará aí como todas as persoas de ben e forzas democráticas defendendo a nosa lingua.

-Que opinión lle merece alguén como Núñez Feijóo, quen dirixiu Correos diga que esta empresa pode alterar os votos por correo?
Xa sabemos que Feijóo non ten problema en mentir, todo o contrario, e creo que fixeron da mentira unha arte apoiada no control férreo da CRTVG. Minte se o pode favorecer e isto fai parte dun Feijóo entregado a unha estratexia trumpista e de manipulación e de ataque con tal de gañar as eleccións. Nós chamamos ao pobo galego a reaxir, a votar e facelo con confianza no país e no BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta