Denuncian que a Xunta usa subvencións europeas para cubrir parte do salario de profesorado fixo dos centros

CIG-Ensino denuncia que a administración obriga a 200 centros educativos a cubrir agora datos para poder xustificar o cobro dun programa aprobado hai meses e que non se executou.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2023 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

Douscentos centros educativos de Infantil e Primaria recibiron entre 11 e o 13 de xullo comunicacións telefónicas e por correo electrónico nas que se lles indicaba que foran “seleccionados” (a dedo e sen petición previa) para formar parte dun programa financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) que implica o cofinanciamento do 60% dos custos de persoal de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A subvención afecta ao profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) deses 200 centros.

Cartel do programa de apoio á inclusión educativa - CIG
Cartel do programa de apoio á inclusión educativa - CIG

CIG-Ensino sinala que as instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (DXOIE) danse sen ter en conta a opinión dos centros e como feitos consumados, indicando que teñen que facer público nun lugar ben visíbel do centro e da web, un cartaz que xustifica a participación da Unión Europea no financiamento dun programa que, de feito, non existiu como tal. Ao profesorado afectado (PT, AL, Orientación, dirección do centro) dáselle de prazo até o 31 de xullo para cumprimentar datos de todo o alumnado “participante”, isto é, todo o alumnado do NEAE do centro

Pero CIG-Ensino denuncia que no documento fica claro que a Consellaría considera como participante nun programa a alumnado, profesorado e centros que en ningún caso formaron parte de ningún programa e que fixeron o traballo normal e habitual de atención á diversidade que se desenvolve ao longo do curso escolar, “o que arroxa todas as dúbidas sobre a actuación da administración galega no uso destes fondos.”

O Programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao que se acolle a Consellaría para xustificar o 60% dos salarios dun número de docentes, que sería ao redor de 400 docentes, foi aprobado o 9 de decembro de 2022 pola EU e a presentación pública por parte da Xunta foi o 14 de marzo de 2023. Malia isto, e tal e como recoñece a Consellaría, non foi até o 2 de xuño cando se solicitou a autorización á Xunta para poder contar cos fondos europeos.

A CIG-Ensino considera “totalmente improcedente e un escándalo” que se usen fondos europeos para sufragar parte dos salarios de profesorado estrutural e que eses fondos non tivesen servido para incrementar profesorado de PT e AL de reforzo nos centros que tiñan máis necesidades de apoio. O sindicato enviará a documentación da que dispón aos organismos europeos correspondentes por se se estivese a vulnerar a normativa e, de ser así, exixirá as responsabilidades que correspondan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta