Récord de asistencia histórica de público na MIT de Ribadavia

Dende a organización sacan músculo do incremento de espectadores ao tempo que critican que as axudas públicas, especialmente as da Xunta, estean estancadas dende hai dez anos. O 18º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT 2023 foi para "Manual de Patronaxe", de Nerea Brey.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 27/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O aumento de recadación por venda de entradas na MIT 2023 foi dun 34% con respecto á edición anterior, o que supón non só recuperar os datos pre-pandemia, senón melloralos e apuntar cara a necesidade dun crecemento sostible do festival.

MIT de Ribadavia 2023. Foto: MIT
MIT de Ribadavia 2023. Foto: MIT

Dende a organización aproveitan estes bos datos para facer unha chamada de atención afirmando que "mentres as axudas públicas están estancadas, especialmente as da Xunta de Galicia, que non se incrementan dende hai máis de 10 anos, a subida de prezos de todos os gastos que ten que afrontar o festival verase compensada polo forte incremento da venda de entradas e o apoio rotundo do público".

Ribadavia pode presumir da programación deste senlleiro destival teatral que enche a vila ourensá de espectáculos diversos e innovadores e de actividades moi valiosas para o fomento da actividade teatral, como foron este ano as Xornadas do teatro Galego da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega. 

No que respecta ao tema da igualdade, a diversificación e a innovación cómpre suliñar o papel das mulleres creadoras, os espectáculos para o público familiar nas parroquias do rural (Dúo Kaos de Italia, Elahood, Colectivo Glovo, etc.) e o novidoso merchandising realizado por pequenas empresas do Ribeiro.

PREMIO ABRENTE DA MIT 2023

Reunidas as seguintes persoas do Xurado do 18º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT 2023, composto por Rocío González, Ana Abad de Larriva, Lois Blanco e Roberto Pascual, que actuaba como secretario con voz pero sen voto, acordaron por unanimidade decretar como gañador o texto da actriz Nerea Brey titulado "MANUAL DE PATRONAXE", presentado co pseudónimo “Singer Verde”. As razóns ou motivos para esta decisión foron as seguintes:

1-Trátase dunha obra con apariencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional.

2-A obra mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escrita.

3-A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar, grazas ás capas de verdade e honestidade coas que se manexa para a recepción co público actual.

Nerea Brey (Lalín, 1987) é actriz, docente de Arte Dramática e creadora escénica. Licenciada en Xornalismo e Titulada pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

PREMIO DO PÚBLICO

O Premio do Público foi para "AS QUE LIMPAN", da Cia A Panadería, seguida moi de preto por "FUCK ME" de Marina Otero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta