Rueda apoia "sen fisuras" a Feijóo: "Ten que facer o que dixo que ía facer"

Insiste en que o líder do PP foi o gañador das eleccións e "ten que formar goberno". Diego Calvo confía no criterio do presidente da Xunta para convocar autonómicas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2023 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (PP), mostrou este xoves en Oviedo o seu apoio "sen fisuras" ao presidente do PP e candidato á presidencia do Goberno, Alberto Núñez-Feijóo, para que forme un goberno en España "como gañador das eleccións" do pasado domingo.

Rueda asistiu en Asturias á toma de posesión do socialista Adrián Barbón como Presidente do Principado. Alí, mostrou o "convencemento" do PP galego de que Feijóo debe facer "o que anunciou que ía facer", que é formar un goberno como gañador "con independencia das valoracións e das consideracións que fagan outros partidos políticos que non gañaron as eleccións".

Respecto da proposta de Vox de que algúns socialistas poidan favorecer un goberno de maioría de Feijóo, dixo que "non vai comentar propostas doutros partidos" e insistiu en defender a postura xa exposta polo PP.

En clave autonómica, Rueda sumouse ás palabras de Barbón durante o seu discurso asegurando que a Xunta será "igual de esixente" co Goberno que resulte das urnas en España ao redor de compromisos pendentes, sobre todo relativos ás infraestruturas.

Respecto da relación co Goberno asturiano, Rueda expresou a súa vontade de que Galicia e Asturias sigan "cooperando estreitamente e conseguindo obxectivos conxuntamente" en asuntos como o corredor atlántico ferroviario, o reto demográfico ou o financiamento autonómico. Trasladou así mesmo o seu "afecto e agarimo" a Barbón pola súa toma de posesión.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, atende aos medios tras asistir á toma de posesión de Adrián Barbón como presidente do Principado de Asturias
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, atende aos medios tras asistir á toma de posesión de Adrián Barbón como presidente do Principado de Asturias | Fonte: Europa Press

VICEPRESIDENTE

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu, ante algunhas voces críticas internas, que os resultados do 23X evidencian o "gran acerto" de que Alberto Núñez Feijóo sexa o líder e candidato do PP, antes de negar que haxa "intranquilidade" nas filas populares e mostrarse convencido de que Isabel Díaz Ayuso "tamén quere que sexa o presidente de España".

Así o manifestou un día despois de que a súa compañeira de partido e presidenta da Comunidade de Madrid afirmase recibir mensaxes que lle pedían dar un paso adiante e de escenificar un peche de filas co líder do partido cunha expresión non exenta de polémica: "Non se pode tirar a Feijóo por unha ponte. Non somos podemitas".

Calvo, quen presidiu a reunión semanal do Goberno galego ante a ausencia de Alfonso Rueda, quen viaxou a Asturias á toma de posesión de Adrián Barbón como presidente, foi preguntado acerca de se considera que Ayuso estivo acertada con estas declaracións e se, en vista de que a conxuntura non parece propicia para que Feijóo sexa presidente, mereceu a pena o impacto que tivo na Xunta a confección das listas das xerais.

Na súa resposta, optou por arrincar cun "balance" que proba que Feijóo gañou "de forma clara" o domingo: o PP, lembrou, sitúase como primeira forza no país, subiu 47 escanos ata os 136 e cultivou máis de 8 millóns de votos. Tamén lle atribuíu "a maior subida na democracia" en porcentaxe de voto e resaltou con especial intensidade a achega galega.

"CORRESPÓNDENOS TENTAR FORMAR GOBERNO"

Na liña co argumentario popular das últimas xornadas, tamén se mantivo en que é a Feijóo, como gañador das eleccións, a quen "corresponde tentar formar goberno" e apelou ao PSOE. Se se considera "un partido de Estado", dixo, é o momento de "demostralo" non "bloqueando" e non negociando con independentistas.

Calvo declarouse "totalmente convencido" de que Ayuso "tamén quere que Alberto Núñez Feijóo sexa o presidente de España". "Cando unha persoa se presenta e ten oito millóns de votos e sobe 47 escanos está máis claro que nunca que acertamos, evidentemente", argumentou o dirixente galego, tamén líder do PP provincial da Coruña.

"DE ELECCIÓNS IMOS CHEOS, UNS CANTOS POLO MENOS"

"De eleccións imos cheos, uns cantos polo menos". Así o recoñeceu o vicepresidente primeiro da Xunta, tras dúas campañas electorais consecutivas e un día despois de que o seu xefe de filas e no Goberno galego, Alfonso Rueda, arrefriase a posibilidade dun adianto das autonómicas que tocan no próximo ano.

Nun escenario estatal complicado no que non se descarta que haxa que repetir as eleccións xerais, Calvo foi preguntado sobre as autonómicas e as declaracións de Rueda que apuntaban a que non optará por adiantar, o que deixaría aberta a opción de que decidise situar as galegas na mesma data que as europeas de xuño de 2024.

"O que queda claro é que (Pedro) Sánchez convocou as xerais cando pensaba que era mellor para el e aquí o presidente xa dixo que convocará cando sexa mellor para Galicia. Confiamos no seu criterio", limitouse a manifestar o dirixente coruñés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta