Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2015 | Actualizada ás 12:54
O ex ministro de Xustiza no Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, Francisco Caamaño, deixa a política. Este mesmo luns anunciou que renuncia á súa acta no Parlamento galego como deputado socialista e que regresará á docencia na Universidade de Valencia onde exerce como catedrático de Dereito Constitucional.
Nunha rolda de prensa, Caamaño explicou que a súa marcha non ten que ver con problemas internos ou persoais dentro do seu partido, senón a unha decisión persoal e profesional. De feito, fontes consultadas por GC apuntan que o ex ministro xa tiña tomada esta decisión desde finais do pasado ano e que foi adiando, precisamente, porque “houbo moita xente no partido que lle pediu que a atrasara ata o verán”.
“Pero semella que se agardaba ao verán tiña problemas no período de adaptación que se lle soe dar aos catedráticos que piden a reincorporación e que xa entraría, directamente, a dar aulas en setembro”, indican. Por iso, decidiu pedir agora a súa reincorporación para poder ter tempo de buscar vivenda e readaptarse ao seu anterior destino.
Caamaño explicou que foi "unha honra" traballar no Parlamento galego, no que até agora era portavoz de temas de Lingua e Cultura e destacaba pola súa defensa do galego. O até agora deputado foi tamén secretario provincial do PSdeG na Coruña, un cargo que abandonou o ano pasado tras distintos desencontros coa dirección autonómica, primeiro, e con dirixentes provinciais, despois.
Precisamente, esta circunstancia “desanimouno moito” e foi tamén un dos motivos para pensar xa na súa volta á docencia, decisión que xa tiña adoptada e comunicada a dirixentes do PSdeG desde comezos deste ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.