Contas revela que a Xunta só executou o 26,2 % dos Next Generation recibidos no 2021 e o PSdeG estala

O PSdeG carga contra a "nefasta xestión" da Xunta e denuncia que o Goberno galego opte pola "confrotación furibunda" co Estado para "ocultar" a súa "nula" execución.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, cargou contra a "nula" execución de fondos Next Generation da Xunta tras un informe do Consello de Contas sobre o ano 2021. Así, reproba que o Goberno galego busque unha "confrontación furibunda" co Estado por estas axudas como "cortina de fume" para "ocultar a súa nefasta xestión".

O informe de Contas apunta que a Xunta percibiu en 2021 un total de 539 millóns correspondentes cos fondos REACT-EU e as partidas do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia (MRR), a partir dos que habilitou créditos no orzamento de gasto por 480,5 millóns, cunha execución que quedou en 126 millóns ese ano, só o 26,2 %.

En rolda de prensa este luns, Rodríguez Rumbo reprochou que "aínda hai uns días" o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu confrontar co Goberno central por estas axudas da UE, pero o órgano fiscalizador arroxa que o Executivo autonómico "non foi quen de executar coa celeridade necesaria os fondos recibidos". Ademais, "tampouco trasladou" aos municipios galegos o diñeiro para que teña impacto nos sectores produtivos e as familias.

Acusa aos populares de buscar en Bruxelas o "boicot" polos fondos europeos, que tamén "tentou o presidente Rueda", pero "non o recibiron". Igualmente, reprocha que o PP "votou en contra" dos Next Generation. "Primeiro o boicot e agora a incapacidade de xestión", apostila.

E é que apunta que o Consello de Contas advírtelle á Xunta que "o propio Goberno galego está a frear o impulso económico" que ofrecen os fondos europeos pola súa "nula" capacidade de xestión. "En lugar de traballar, o que fan é unha e outra vez confrontar", agrega.

Así mesmo, a deputada socialista referiuse a que Contas reprocha que a Xunta executou menos do 50 % da totalidade de 1.098 millóns de fondos europeos percibidos en 2021, uns datos que resultan "notablemente baixos" para o órgano fiscalizador.

"FALTA DE TRANSPARENCIA" DA XUNTA

Así mesmo, Rodríguez Rumbo critica que a Xunta busca "tentar que se descoñezan" os informes de Contas ao publicarse case en agosto e cun atraso de dous anos sobre o analizado.

Lamenta que Contas deixa patente a "falta de transparencia" e "de información" da Xunta co obxectivo de "dificultar" a información que se traslada. Lembra que o Executivo autonómico segue empregando un plan contable de "hai 20 anos", pois "segue sen estar adaptado ao vixente de 2010". Así, "este tipo de irregularidades" evidencian, ao seu xuízo, unha "falta de vontade do Goberno galego en ser transparentes".

Sobre o atraso de Contas en dar a coñecer os informes de fiscalización, pon de exemplo que o relativo ao hospital Álvaro Cunqueiro foi aprobado en 2019 e "a día de hoxe" segue sen saír á luz. Por todo iso, Rodríguez Rumbo empraza a que "se contrate máis persoal" co fin de que se fagan estes informes en tempo e non se presenten anos despois, cando "perden vixencia e interese". Finalmente, espera que o novo conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro, realice un cambio de rumbo para unha maior axilidade deste órgano nos seus informes.

Begoña Rodríguez Rumbo
Begoña Rodríguez Rumbo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta