A Xunta destaca que adxudicou o 70% dos fondos Next Generation do 2023 e non o 26% que di Contas

Destaca os case 30 millóns de euros que a Xunta de Galicia investiu este verán en 97 centros educativos de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

A Xunta destaca que leva adxudicados no primeiro semestre o 70% dos 527 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) previstos no orzamento inicial para 2023, é dicir, 370 millóns.

O Consello de Contas publicou o pasado venres un informe que apunta que a Xunta percibiu en 2021 un total de 539 millóns correspondentes cos fondos REACT-EU e as partidas do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia (MRR), a partir dos que habilitou créditos no orzamento de gasto por 480,5 millóns, cunha execución que quedou en 126 millóns ese ano, só o 26,2%.

Respecto diso, a Consellería de Facenda xa trasladou o pasado venres que recibiu os fondos Next Generation de 2021 "nos últimos meses do ano", o que "dificultou a súa execución". Este luns, nun comunicado, incide en que "Galicia recibiu máis do 70% deses recursos nos últimos meses do ano e en diferentes conferencias sectoriais, un feito que dificultou a súa xestión e execución". Ademais, lembra que eses fondos de 2021 pódense seguir executando ata 2026, polo que non se perden.

A Xunta indica que, desde a posta en marcha do Plan de Recuperación, publicou convocatorias por máis de 893 millóns de euros, dos que se adxudicou preto do 69% (616 millóns). No que se refire a os beneficiarios, son preto de 33.000 persoas físicas, 7.300 autónomos, máis de 2.700 empresas e 200 entidades locais.

Axudas Next Generation
Axudas Next Generation

ACTUACIÓNS PONTEVEDRA

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou os case 30 millóns de euros que a Xunta de Galicia investiu este verán en 124 actuacións en 97 centros educativos da provincia de Pontevedra.

O titular de Educación explicou que se trata de intervencións como ampliacións, rehabilitacións integrais, melloras de eficiencia enerxética ou de accesibilidade que se "intensifican nestas datas co fin de aproveitar o período non lectivo e causar o mínimo impacto na comunidade educativa"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta