O PSOE si quere formar parte do goberno de Pontevedra: tende a man ao Bloque para retomar as negociacións

O portavoz socialista, Iván Puentes, fixo un chamamento "á cordura" ante as últimas declaracións efectuadas polo Bloque nas que daban por feito que o PSOE non quería entrar no goberno local.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/08/2023 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Socialista compareceron este xoves en rolda de prensa para facer público o seu ofrecemento ao BNG para retomar as negociacións de face a establecer un pacto de goberno no Concello de Pontevedra.

O portavoz socialista, Iván Puentes, fixo un chamamento "á cordura, á calma, á tranquilidade" ante as últimas declaracións efectuadas polo Bloque nas que daban por feito que o PSOE non quería entrar no goberno local. Se se toma esa decisión "farémolo público con total transparencia", prometeu Puentes.

O PSOE de Pontevedra expresou a súa intención de "tender a man para seguir falando, para seguir negociando" e, engadiu Iván Puentes, para cumprir "con aquilo que os cidadáns nos pediron nas urnas", nas pasadas eleccións municipais, que foi "o entendemento para conformar maiorías que dean estabilidade e que permitan facer esta cidade gobernable", dixo.

"Non tiramos a toalla nin abandonamos en ningún momento a negociación", reiterou o portavoz socialista. Iván Puentes afirmou que están "abocados a entenderse" as dúas formacións políticas que constitúen "unha maioría progresista en Pontevedra" e criticou o "ton incendiario" das declaracións "profundamente desafortunadas" que, ao seu xuízo, manifestou o BNG durante os últimos días.

Por este motivo, Iván Puentes apelou directamente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores "que sabe perfectamente que hai capacidade de entendemento entre el e o Partido Socialista" para que "poña cordura, aplique sentido común e busque os puntos de entendemento e as pontes de conexión entre os dous partidos".

Como mostra desa vontade, o grupo municipal do PSOE enviou ao BNG onte mércores o documento que tiña pendente de entregar desde o pasado mes de xuño para desatascar as negociacións dun posible goberno de coalición para os próximos catro anos.

Con vistas a esta negociación o PSOE reiterou que cada unha das formacións ten que ser consciente do "peso numérico e cualitativo" que ten no Pleno do Concello para "poder chegar a un programa de goberno compartido que non sexa a imposición dun programa sobre outro" senón "unha síntese" das propostas de cada partido para que conformen un "programa de coalición" que sexa "absolutamente equilibrado e baseado na lealdade e na colaboración".

A negociación entre o BNG e o PSOE aínda non abordou "programas concretos" nin proxectos ou ideas a desenvolver durante o mandato, un paso previo antes de falar da repartición de áreas de xestión entre os dous partidos e que persoas asumen cada Concellaría.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

Iván Puentes
Iván Puentes | Fonte: PSOE Pontevedra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta