Progreso, curto prazo e cobiza

Como afectan as decisións de hoxe á sociedade de mañá? E como un exceso de curto prazo na nosa visión pode comprometer o horizonte das xeracións vindeiras? É lícito o mirármonos agora, sen ter en conta as consecuencias futuras dos nosos actos presentes? Como afrontamos isto na súa dimensión colectiva? Sobre todo iso vai este texto, nos tempos nos que estamos a definir en boa medida a sociedade na que vivirán os nosos fillos, netos e os que veñan máis adiante...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 14/08/2023

Comparte esta noticia
Que os que vivimos son tempos verdadeiramente críticos á hora de debuxar a sociedade do futuro  é obvio. Porque do que fagamos agora, fíxense, dependerá a forma de vida predominante nas próximas décadas. E isto é así polo actual ritmo de mudanza de moitos dos paradigmas anteriores. Tal vertixe fai que, tanto en clave tecnolóxica como social, a sociedade estea a cambiar máis nuns poucos anos que en períodos moito máis longos do pasado. E é por iso que, máis que nunca, poidamos dicir con propiedade que estamos a construír agora os vimbios do futuro a medio e longo prazo, e seguramente cun grao de irreversibilidade bastante alto.
 
Moito hai escrito sobre como será tal sociedade, e moitas veces en clave claramente distópica, pero en realidade ninguén sabe que acontecerá nunhas décadas, por moita prospectiva que se faga, xa que cada un dos momentos da historia é único e nunca xamais vivido ata no momento que toca. Pero se ao cambio extremo no que estamos inmersos lle sumamos retos inéditos ata agora ou outros máis vellos, pero hoxe levados ao límite por non seren abordados antes, entenderemos que sexa difícil imaxinar moitos dos extremos desta sociedade futura.
 
Pase o que pase, son dos que pensan que no acerto ou fracaso das políticas destinadas a fornecer ás próximas xeracións dun mundo máis sólido e robusto ante as dificultades terá que ver, en grande medida, a capacidade da sociedade actual e inmediatamente próxima de vencer as visións a curto prazo, especialmente nos eidos político e económico. Ou, se me apuran, incluso só no económico, tendo en conta que moito do que se faga na política tamén terá repercusión, ao final, na economía no máis amplo sentido da palabra.
 
É máis, penso tamén que moitos dos atrancos da Humanidade, de sempre, teñen que ver con esa dificultade na boa xestión da cuestión dos prazos na toma de decisións. Porque moitas veces, ante a perspectiva de vida das persoas dun cento escaso de anos, trabállase unicamente con horizontes, como moito, de poucas décadas. Pero moitas das grandes cuestións que nos afectan teñen un desenvolvemento temporal moito máis longo, polo que tales visións a máis curto prazo terminan privándonos da posibilidade de dar coas decisións axeitadas, que levarían a solucións máis sostibles durante un espazo de tempo moito maior.
 
Vémolo claramente en materia medioambiental. Hai quen basea no seu negocio de hoxe a súa posición, sen ter demasiado ou nada en conta as pistas de esgotamento que nos manda o planeta. E, consecuentemente, fará oídos xordos a calquera advertencia de mudanza ou da necesidade de abandonar formas de traballo ou accións lesivas para o mesmo. Hai pois quen persiste en actitudes, ideas, prácticas e crenzas que,  de forma clara, producen  efectos graves no clima ou nos ecosistemas. Pero que supedita tal cuestión á súa capacidade actual de producir un beneficio a curto prazo, sen máis. E máis aló... queda moi fóra do seu caletre. 
 
Tal curto prazo na visión individual -persoa a persoa-  pode ser, ata certo punto, natural, porque estamos dalgunha maneira ligados ao noso corpo e ás nosas limitacións. Pero corresponde ao conxunto, á sociedade, tratar de levar a suma de tales visións, non orientadas aos efectos a longo prazo de ditos comportamentos, a unha dimensión moito máis estratéxica e de rango máis dilatado no tempo. E neste traballo soe producirse o feito de que relativamente poucas persoas, moi informadas e fortemente convencidas, son quen de producir un cambio real no paradigma ao cabo do tempo. Ou, polo menos, así foi ata o de agora sempre que se produciron avances en moitos dos eidos e momentos cruciais da existencia, como recollen diferentes autores e, en particular, Duncan Green na súa obra “De la pobreza al poder”. Pero o momento actual, con moito maior nivel de información pero tamén de desinformación que nunca, é moi diferente nisto aos anteriores. E, polo enorme ruído colectivo, non é evidente que a forza despregada polos informados, formados e convencidos poida vencer as resistencias de miles de tendencias contrapostas, ás veces apoiadas e mesmo financiadas desde sectores non conformes coa posible perspectiva de cambios con capacidade de afectar aos seus intereses.
 
Isto pode explicar moito do que pasa hoxe, non? Xente que, desde a ciencia, nos fala de retos como o do cambio climático, que xa está aquí sen ningún tipo de paliativo. E persoas que, desde outros foros e “lobbies”, fan moito barullo cuestionando todo, e intentando levar ao contexto da opinión non fundamentada o traballo rigoroso dimanado desde o primeiro. Unha visión moito máis a curto prazo, moitas veces só co ánimo de gañar tempo, e de seguiren facendo o de sempre, mesmo branquexando a súa posición ou dicindo que fan o contrario do que realizan. Xorden así acenos de ecoloxismo mesmo nos que sempre estiveron ao outro lado, ou sisudas posicións teóricas que non resisten unha ollada á práctica deses mesmos actores. Puro fume, ho!
 
O progreso e a tecnificación son un factor clave de éxito na nosa supervivencia e benestar, e hai que traballar arreo para procurar sustento e moito máis para todas as criaturas sobre o planeta. Pero facendo isto dunha forma verdadeiramente sostible, e non apostando pola cobiza, pola urxencia, as devanditas visións a curto prazo ou a concentración de riqueza como valor “per se”, porque tal lóxica só apuntará a un fracaso colectivo, antes ou despois, e á consolidación da miseria e dunha sociedade moito peor, na que vivir será moito máis complicado. E exemplos hai dabondo na Historia para ilustralo.
 
Apunto esta reflexión mirando ao mar de novo e pensando en moitas das cousas que nos pasan, das que falan os xornais nestes días de agosto. Un devir ante o que non podemos quedarnos á marxe, pensando que tales retos, as súas solucións e a calidade da visión que se aplique para buscalas, a curto ou a máis longo prazo, non van con nós. Claro que si. Todos e todas somos parte dos nosos problemas... e dunha hipotética saída airosa dos mesmos...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Acto de benvida a 109 axentes e inspectores que se incorporan en prácticas ás comisarías galegas
Acto de benvida a 109 axentes e inspectores que se incorporan en prácticas ás comisarías galegas | Fonte: MINISTERIO DO INTERIOR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.