Por gcdeportes | A Coruña | 26/04/2015 | Actualizada ás 14:45
Ficha técnica
Málaga CF: Kameni; Rosales, Sergio Sánchez, Weligton, Boka; Recio, Sergi Darder (Javi Guerra, 79'); Samu García (Horta, 73), Castillejo (Duda, 63'), Juanmi e Amrabat.
Deportivo: Fabricio; Juanfran, Lopo, Pablo Insua, Luisinho; Álex Bergantiños, Celso Borges, Juan Domínguez; Lucas Pérez, Cavaleiro (Salomao, 76') e Oriol Riera (Hélder Postiga, 80').
Goles: 1-0: Amrabat (minuto 47). 1-1: Oriol Riera (60').
Árbitro: Estrada Fernández. Amarelas a Pablo Insua (22') no Dépor e a Welligton (57'), Amrabat (71'), Sergio Sánchez (82'), Boka (90') e Juanmi (92').
Incidencias: partido da 33ª xornada de Liga no estadio da Rosaleda ante 23.851 espectadores.
Sentoulle mal o gol ao Dépor, que tralo empate de Oriol Riera xogou os peores minutos e foi Fabricio quen evitou a derrota en Málaga. Ata o 1-1 apenas pasou apuros, pero acabou fundido e sen orden. O Dépor sumou un punto para saír do descenso, pero necesita xa unha vitoria, tras once xornadas consecutivas sen gañar. O mércores, en Elx.
Víctor Sánchez del Amo volveu trocar o once, e aliñou xuntos a Álex Bergantiños, Borges e Juan Domínguez, con Oriol Riera en punta. A primeira ocasión foi para Lucas Pérez, pero rematou frouxo e centrado sen problemas para Kameni no minuto 2. Foi o Málaga quen dominou o arrinque, e o Dépor tiña problemas para sacar o balón controlado. Nun erro da defensa, Juanmi quedou só diante de Fabricio, pero o remate petou no pau.
Xa non volveron crear perigo os locais, e o Dépor foise facendo co control. No minuto 24, tras un erro de Welligton, Lucas Pérez chegou ata a área, pero o seu disparo foi rexeitado a córner por Kameni. O Dépor pisaba cada vez máis campo rival, e unha boa xogada de Luisinho pola esquerda foi rematada coa testa por Oriol Riera desviado.
Comezou tola a segunda metade. Lucas Pérez non atinou co remate a centro de Cavaleiro e na xogada seguinte, Amrabat marcou o 1-0 tras unha contra pola esquerda, co forte disparo que pasou por baixo de Fabricio. O Dépor foise decidido a polo empate, cun activo Cavaleiro pola banda dereita, desaparecida na primeira metade. Marcou o empate no minuto 60, Oriol Riera coa testa nunha xogada de estratexia lanzada por Lucas Pérez.. O empate actuou de revulsivo para o Málaga, e o Dépor perdeu o sitio. Juanmi disparou frouxo na área e Fabricio evitou o gol no 74', nun remate de Recio a centro de Juanmi.
Víctor buscou a reacción dos seus con Salomao, e Postiga, tras varios meses de ausencia, entrou no minuto 80. Lucas Pérez tivo o gol da vitoria deportivista nunha falta que lanzou contra o pau, pero o Dépor sufría dabondo cos ataques locais. De novo Fabricio evitou a derrota, xa no desconto, cunha man salvadora a remate coa testa de Javi Guerra. Ao final, un punto que pode ser decisivo. O mércores, en Elx, unha auténtica final para o Dépor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.