Bipartito vs Feijóo

Na súa teima por gañar a calidade de home de Estado, Núñez Feijóo continúa o seu periplo por España adiante deixando en cada recuncho o legado das súas frases lapidarias.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 29/04/2015

Comparte esta noticia
Na última comparecencia, nesta ocasión nas Illas Baleares, o presidente galego arremeteu contra os executivos sustentados en alianzas. O ataque víñase vir, eis as enquisas como evidente xustificación. Feijóo lembrou o goberno bipartito que rexeu os destinos de Galicia entre 2005 e 2009 cualificando ese período como “tiempo para olvidar”. Claro que tamén dixo que o PP “continuará luchando contra cualquiera que venga a la política a servirse y no a servir”.  
 
Unha comparación entre aquel executivo formado por PSdeG e BNG e o actual do Partido Popular pódese realizar dende múltiples variables. Tendo en consideración o período de crise aguda no cal estamos, a creación de emprego e a taxa de paro son as que calquera analista escollería. Tomaremos as cifras a decembro de 2004, 2009 e 2014 para levala a cabo, isto é, dous períodos homoxéneos de cinco anos. Buscaremos ademais a referencia do conxunto do Estado para realizar unha avaliación allea ao propio ciclo económico. 
 
Ben: a finais de 2004, os traballadores afiliados á Seguridade Social de Galicia representaban o 5,65% do total do Estado. En 2009, esa porcentaxe aumentara ata o 5,74%; en 2014, pasou a ser do 5,52%. Así pois, durante o goberno bipartito, o emprego en Galicia gañou 0,09 puntos respecto ao total español mentres que durante o goberno popular o seu peso diminuíu en 0,22 puntos. 
 
A comparativa respecto da taxa de desemprego resulta aínda máis esmagante. Nas tres datas indicadas, Galicia presentou un índice de paro do 12,50 en 2004, 12,80 en 2009 e 20,90 en 2014; España pola súa banda acadou o 10,53% en 2004, o 18,66 en 2009 e o 23,70 en 2014. Quere isto dicir que o diferencial de desemprego de Galicia vs España era desfavorable en 1,97 puntos en 2004 (maior paro en Galicia), pasou a ser netamente favorable en 2009, 5,86 puntos por debaixo da media estatal, mentres que en 2014 perdeu boa parte dese diferencial que se reduciu ata 2,80 puntos. 
 
En resumo, durante ese período que Feijóo denomina “tiempo para olvidar”, Galicia se comportou de xeito notablemente mellor có conxunto de España mentres que unha vez o Partido Popular retomou o poder, regresou á decadencia á que semella condenada. Visto o visto, a única esperanza para intentar asentar un proxecto de futuro no país pasaría pola confluencia de dos factores, necesarios inda que non suficientes: a acción conxunta dos partidos da oposición e a neutralidade partidista dos medios de comunicación.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego