Por Galicia Confidencial | Verín | 18/08/2023 | Actualizada ás 09:00
A vila de Verín conta os días para a chegada da 5ª edición do Extruga na Rúa. Este ano, o evento chega cun cartel de primeiro nivel encabezado pola emblemática banda de reggae Green Valley e co destacado rapeiro Elio Toffana, acompañados dun elenco de talentosos artistas como HUDA, Mondra, Another Wasted Year, Overdose, Burgas, Twentyfour Seven’s, DJ PIKI e Deriva.
Durante tres xornadas os lugares máis emblemáticos de Verín converteranse en escenarios de infinidade de actividades. A Praia Fluvial, A Preguiza e o Skatepark acollerán a celebración do 25 ao 27 de agosto. Ademais dos vibrantes concertos, o festival ofrecerá un abano de actividades que van desde Slidepool na praia fluvial ata talleres de breakdance na Praza Maior de Verín. Como cada ano, a Batalla de Gallos promete un enfrontamento de mcs talentosos nun duelo verbal pola coroa de mellor freestyler. Os amantes do teatro terán a oportunidade de participar nun envolvente obradoiro impartido por Kotodama, mentres que a Liga Xunta Break de Galicia, organizada por Vella Escola, promete momentos emocionantes de competición.
BATALLA DE PROMESAS E SKATEPARK
Coa diversidade e o talento nacional como enfoque, a iniciativa Batalla de Promesas dará oportunidade a numerosos artistas de todo o territorio para amosar a súa paixón e habilidades sobre o escenario. O domingo, o Skatepark converterase nun epicentro deportivo co emocionante encontro de BMX e scooters, que culminará cun electrizante concerto de Deriva, cuxo membro local engadirá un toque especial á xornada.
VALORACIÓNS DO CONCELLO
En palabras da concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira, "Extruga na Rúa é un evento único que destaca pola súa diversidade artística e enerxía contaxiante. Estamos entusiasmados de celebrar o quinto aniversario deste festival que continúa a enriquecer a nosa comunidade coa súa música, baile e creatividade".
Pola súa banda, o tenente de alcalde Diego Lourenzo Moura, comentaba días atrás na presentación que había que agradecer o traballo dos organizadores, Hugo Salgado, Iris Justo e Antonio Álvarez, "para lograr darlle vida a este evento" e convidaba a veciños e visitantes a unirse a esta festa.
O programa completo está na páxina web do Concello de Verín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.