Lores di que os hoteis da comarca de Pontevedra estarán cheos ante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

O alcalde de Pontevedra di estar "pendente de contestación" do seu homólogo de Sanxenxo para participar no comité organizador, porque aí será o Congreso Mundial de Tríatlon.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2023 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, "o evento deportivo máis importante deste ano en Galicia", encherá os hoteis de toda a comarca.

Nunha comparecencia de prense celebrada este venres, o rexedor explicou que no Concello da capital están "a traballar sen pausa para esta cita, é unha prioridade absoluta".

Lores confía en que este "vai ser un evento que transcenderá a cidade de Pontevedra, deixándose notar en todas as Rías Baixas e por tanto en todo o país", polo que se mostrou convencido de que se crearán "millares de prescriptores da nosa terra e que volverán ou recomendarán a outros visitarnos".

Esta mesma mañá, Lores mantivo unha conversa co presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), Alfonso Martínez, para "agradecerlle as súas palabras nas que di que a Gran Final amplía a tempada de verán e enche hoteis non só en Pontevedra, senón en toda a comarca".

O alcalde de Pontevedra comentou que Sanxenxo será a sede do Congreso Mundial de Tríatlon e alí estarán todos os países que forman parte da Federación Internacional (World Triathlon) e que conta cunha loxística propia.

Por este motivo, Lores indicou que quere "contar coa colaboración dos hostaleiros do Sanxenxo" e ademais xa falou e está "pendente da contestación" do alcalde de estemunicipio, Telmo Martín, por "se quere participar no comité organizador do evento", desvelou o rexedor nacionalista.

Nese sentido, Lores incidiu na importancia de "apoiar de maneira colectiva", lembrando que no ano 2025 Pontevedra volverá ser a sede do Mundial Multisport, tal e como xa foi no 2019. "Temos que dar a mellor imaxe posible", concluíu.

Miguel Fernández Lores
Miguel Fernández Lores

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta