Lisboas

Veño dun concerto do Jorge Palma en Lisboa no que presentou o seu traballo Voo Nocturno, ben acompañado polos seus Demitidos de sempre. Foi unha boa noite. Namentres escoito de novo os duetos de Jorge e Vicente Palma nas cancións, " Abrir o Sinal" e " Gaivota dos Alteirinhos", din cumprimento, non sin tempo, o compromiso de ordenar algunhas verbas sobre as Lisboas que vivimos naqueles dias.

Por Fermín Paz | As Pontes | 12/05/2015

Comparte esta noticia
O serán condúcenos ao barrio de Baixa Pombalina. A mundialización ábrese ás nosas ilusións frustradas inicialmente polo engano disfrazado do “overbooking” da recepción e realimentadas cando nos propuxeron o troco. Números da sorte: o 7 !!!, o 1!!!, o 2!!!,  premian unha vista espléndida á praza Martim Moniz. A casa sempre gaña, xentileza trampulleira en forma dun viño de Porto, un tawny da adega  Ramos Pinto.
 
Queremos desprendernos das rutinas da vida con axenda e atopar a cidade, esquecidos nas súas rúas e aínda que nos miren que ninguén saiba o que deixaremos de facer para encher de contido talvez  outra viaxe. Queremos gozar da súa maxia e do seu ritmo, caladiños, ríndonos a gargalladas e ulindo nos nosos paseos pola néboa, o arume dos asadores de castañas.
 
O frío da noite dános escuras palmadas de ánimo e invítanos a gardarnos nunha vella cantina. O saxo  deixase escoitar o seu misterio, nun só converxente  na peza interpretada no club “ Das 7  vidas ”.  Paseo de regreso cunha luz case morrida debuxando as nosas sombras ata a porta circular. 
 
Mil xeitos de mergullarse en Lisboa, tantos, como pensamentos pode ter un despertar obrigado polo berro metálico no que me falan mecanicamente para que non esqueza, reencher un cuestionario. Empezaremos polo principio e continuaremos por onde ti nos leves. A túa presenza é feiticeira para quen perdeu o sorriso e non quere ser escravo das cousas que non precisa. Sabes engaiolar a quen te ama  coa mesma intensidade que animas a fuxir  a quen non sinta a liberdade.
 
Fálame da túa luz Lisboa, prateada sobre o espello do río  na mañanciña e dun avermellado feble cando precisas dun descanso. As sombras da ribeira debuxas e aínda cando te vas a deitar podo mirarte desde calquera dos teus sete outeiros. Déixame camiñar por ti, Lisboa. Acólleme nos teus barrios que dan acubillo ás xentes facedoras das túas historias que logo oirei cantar desde o seu corazón. O frío acompáñanos nos nosos rueiros que nesta ocasión parten do Rossio e condúcennos a sitios inesperados que non atoparedes en ningunha guía. É a Lisboa das sorpresas
 
A choiva calma e frea o acelerado zapateado das présas da veciñanza e dos desafinados das visitas. Agora voltamos á pausa. O empedrado fai de amplificador natural do coro de voces   con rumorosas peticións ao ceo de Lisboa, para que o sol exerza de novo o seu poderío. O moderno café de corte afrancesado dános abrigo mentres a mocidade da Lisboa nova e envellecida gusta dun  mediodía  con sabor a café con canela e logo a conversa cunha amizade que nunca deixarei dimitir.
 
Proseguimos o camiño, almacenando nordesías e sensacións chegadas de árbores e templos centenarios. Románico e gótico, comercios de antigüidades, e azulexos. Álfama ás nosas costas subidos nos tranvías que enchen o ar do seu son certamente lisboeta. Sen destino no desandar, axudámosnos do cheiro e da intuición para degustar un xantar sentados no comedor dunha taberna sen nome con máis ausencias que presenzas na capitaliña, Lisboa.
 
Noite de excelencia onde o goce ten nome de Fado nunha tradición mantida desde 1947 desde que Lucilia do Carmo fundase “O Faia”,  un local con apretuxóns nada molestos para quen  gusta da compañía. Na procura por achegármonos, friaxe de cor negra, tobogán automático, aperitivo de escalada cun viño de Porto, información interesada na calexa, luces de bohemia, publicidade enganosa, estratexia comunicativa, o chic fronte ao popular pero o fado non necesita de cualificativos, é ou non é.
 
Época colonial que se mantén para historia nalgunhas pedras e monumentos no museo á hiprocresía da fartura antes de sermos envoltos nas lembranzas dunha presentación musical con nomes  con  maiúsculas, coma : Alfredo Merceneiro, Tristão dá Silva, Fernando Mauricio, Ada de Castro, Beatriz dá Conceiçãou, Vasco Rafael e Camané. Tradición completada na nosa experiencia contemporánea cando soan os acordes de Fernando Silva na guitarra portuguesa e Paulo Ramos chorando a viola. Compartimos sentimentos con Lenita Gentil, Anita Guerreiro, Ricardo Ribeiro, Antonio Rocha e Ana Marta. Despedimos  da mocidade ansiosa de plenitude na Praza de Camoens e dun día  de tanto vivir que nos entregou a un novo amencer.
 
Belém descobre outra Lisboa de épocas pasadas. Na imaxinación a trasega de carabelas en busca de novas terras. Chegamos á súa extensión en maquina modernizada para o turismo, o que nos esqueceu do risco de penalización Pero ninguén quixo privarnos do encontro cos seus xardíns e o paseo xunto ao río. Logo  a contemplación, as preguntas, a conta dun tempo de seguridade para o negocio mais que para a cultura na lona do cuadrilátero branco agrisado, delimitado nas súas catro esquinas polo Mosteiro dos Xerónimos, o Museo Nacional de Arqueoloxía, o Museo Marítimo e o Planetario Calouste Gulbenkian.
 
Longa cola na antiga confeitería Tradición de pasteis de nata. Orixinais ou imitación. Dúas posibilidades e unha esixencia, a espera. No mercadillo das antigüidades algún fenicio fai  movementos de Tai Chi  namentres o xentío   conversa segundo lle vai na feira. Camiñamos ata o “Monumento” daqueles aos que os indíxenas “descubriron”, levándose os seus tesouros e parte das súas vidas, lembrandonos do  Eduardo Galeano  cando precisou atinadamente,  que si a historia a escriben os gañadores quere decir que hai outra historia, a verdadeira.
 
A pleno sol, descanso merecido  na terraza do café, falando das nosas cousas protexidos pola defensa da torre de Belém. Reparamos forzas antes de regresar á tensión buscadora dunha parada do novo tranvía, que agora si, bríndanos de balde un abarrote popular de penalización
 
Mañás e tardes de invernía na procura alegre de sorpresas ancoradas no seu territorio urbano. Chega a despedida sen presas para  recrearnos nos últimos instantes desta  viaxe. Ooh Lisboa de mares e terras que nunca descansan!!!. Chegamos a ti sen mais equipaxe que a entrega, hoxe ímonos coa pequena promesa de falar de ti.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.