Rueda iniciará con Sanmartín as xuntanzas cos grandes alcaldes e alcaldesas

Abordarán a taxa turística o vindeiro 2 de outubro.

Por E.P. | Compostela | 01/09/2023 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, iniciará o 2 de outubro as reunións cos alcaldes galegos que así o solicitaron e arrincará pola rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, coa que abordará a proposta da taxa turística para a cidade.

En declaracións aos medios tras visitar unha libraría no centro da capital galega, Rueda anunciou que a súa intención é que as reunións cos responsables municipais se celebren todas entre setembro e outubro.

Entre eles, apuntou, Goretti Sanmartín foi a primeira en solicitalo e é ademais a alcaldesa da capital de Galicia, polo que será a primeira á que se lle proporá unha data. Respecto da taxa turística, o líder do Goberno galego remarcou que é un "tema importante" sobre o que reclamou documentación "desde hai moito tempo". "Fai tres ou catro semanas foinos remitida, a principios de agosto. Hei de dicir que aproveitamos máis esas semanas que os sucesivos gobernos municipais para remitirnos unha documentación que nunca acaba de chegar", afeou.

Rueda indicou que chegará á reunión "cunha opinión formada, pero non resposta definitiva" para "tentar falar con coñecemento de causa". "É un tema importante que afecta a toda Galicia e que non ten ningún sentido telo aí sen tomar ningunha decisión, pero que hai que maduralo moito e metelo en contexto. O Concello debería ter unha postura definida sobre as vivendas de uso turístico...", apuntou.

Nesta liña, insistiu en que o turismo é "un tema para tomar moi en serio". "Tivemos un ano moi bo e eu pretendo seguir crecendo, pero crecer con sentidiños e de forma sustentable", defendeu.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante unha entrevista para Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante unha entrevista para Europa Press | Fonte: César Argina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta