Festivais de cinema pídenlle á Xunta rematar coa "práctica inaceptable" das axudas a dedo

Denuncian o déficit histórico das axudas do Goberno galego ao sector e denuncian as preferencias de Cultura cara a certos festivais, como o OUFF de Ourense.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 05/09/2023 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que agrupa a 19 certames das catro provincias, denuncia o déficit histórico da Xunta de Galicia no reparto de fondos públicos para o sector. Unha longa reivindicación do sector que volve cobrar actualidade coa iniciativa presentada a pasada semana polo grupo socialista, a raíz das xuntanzas mantidas nos últimos meses pola Coordinadora cos tres grupos con representación no Parlamento Galego. 

Entrega dos premios OUFF
Entrega dos premios OUFF

No texto rexistrado polo PSdeG fálase de axudas “a dedo” do Goberno galego a certames como o Ourense Film Festival. Axudas nominais ás que non aludiu en ningún momento o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na súa comparecencia no Parlamento no mes de abril a raíz da pregunta formulada polo BNG en relación co apoio da Xunta ao sector dos festivais. 

En concreto, en 2021, o OUFF (Ourense Film Festival) tería recibido en convenios nominativos 60.000 euros da Agadic e preto de 385.000 euros da Axencia Galega de Turismo; cifra, esta última, que o propio OUFF -nun comunicado enviado aos medios- desminte, e rebaixa a 92.514,92 euros. ·Sexa como for, estaríamos a falar de máis de 150.000 euros en subvencións directas a un festival", denuncia esta entidade que di que supón o 70% do que aporta a Xunta de Galicia para o conxunto dos festivais en axudas en concorrencia competitiva. Dase a circunstancia que, según as bases da concorrencia competitiva, cada festival que se presente só poderá solicitar unha axuda dun máximo de 45.000 euros, creando aínda un maior agravio con este convenio.

ANOMALÍAS

Desde Proxecta reclaman que se poña fin ao que consideran unha anomalía que atenta contra o principio de igualdade. "Máis aínda cando existe un déficit histórico da administración galega co colectivo dos festivais de cinema, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico e para a cultura do país, que en 2022 percibiu só o 3% dos 7,3 millóns de axudas da Xunta ao sector audiovisual, 225.000 euros neste 2023, unha cantidade aínda moi por debaixo do que se achegaba hai quince anos, que ascendía a 300.000 euros, con menor número de festivais", critica.

A cantidade achegada pola Xunta é proporcionalmente moi inferior ao que dedican hoxe outras administracións como as deputacións ou mesmo os concellos. E iso malia que só os certames englobados na Coordinadora sumaron o ano pasado máis de 150.000 espectadores e xeraron un impacto de máis de 1,7 millóns de euros investidos. 

PETICIÓNS

O colectivo Proxecta reclama que se destine ao sector un 10% dos fondos das axudas directas ao cinema e ao audiovisual da AGADIC, así como tamén que se teña en conta ao colectivo nas novas accións e investimentos que o Goberno galego realize en materia audiovisual. Así mesmo, solicitan que a Xunta de Galicia dea a coñecer o conxunto e contía das subvencións nominativas achegadas a certames de cinema e rematar "cunha práctica que semella inaceptable".

Desde a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema piden tamén que a Xunta cumpra coa solicitude acordada por unanimidade dos tres grupos parlamentarios o pasado mes de xullo para realizar un estudo de impacto económico dos festivais de cinema e audiovisual. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta