Sabías que nas illas Ons viven hoxe de forma asidua unhas 80 persoas?

É imposible facer vida 100 % nun lugar no que se carece, por poñer un exemplo, de centro de saúde, ou de supermercado onde facer a compra. Ademais, falta enerxía eléctrica, pois a pouca que hai é subministrada por un xerador que funciona só algunhas horas. Por iso, os habitantes de Ons teñen que desprazarse continuamente ao concello de Bueu para o seu día a día.

Por Galicia Confidencial | | 10/09/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O arquipélago de Ons é, xunto coas Cíes e as demais illas que forman parte do Parque Natural das Illas Atlánticas, unha das xoias naturais que temos en Galicia máis visitadas por turistas e autóctonos. Trátase da entrada á ría de Pontevedra e a súa protección contra os fortes ventos do oeste e do suroeste que azotan a nosa terra. Un entorno idílico especialmente no verán onde tamén hai un cámping para quedarse e mesmo un restaurante. Pero sabías que tamén hai persoas que viven na illa de maneira asidua?

Aldea Canexol nas illas Ons
Aldea Canexol nas illas Ons | Fonte: Surfing the Planet

Ons é a illa principal do aquipélago, seguido da súa veciña, Onza, e pertence administrativamente ao concello de Bueu. Aínda que non ten correntes de auga continuas, si conta con abundantes regatos estacionais, fontes e acuíferos. Precisamente, a existencia na contorna de auga doce foi un dos motivos que permitiron o establecemento de poboación na illa, eso si, non fai tantos anos.

No 899, o arquipélago era propiedade dos reis de Galicia, pasando despois a mans da Igrexa ata o século XVI, cando as illas foron doadas á familia Montenegro, e máis tarde a outras familias nobres. Ningunha delas viviu na zona, senón que a tiñan como unha máis das súas moitas propiedades. En 1943, coa intención de instalar unha base de submarinos que nunca se levou a cabo, o Goberno expropiou a illa de Ons, ata que en 1982 foi transferida á Xunta.

Neses intres, os seus habitantes tiñan condición de colonos, cunha concesión de 75 anos de duración, é dicir, concesión que rematará en 2057. Actualmente, reclaman o dereito á propiedade das casas que eles e os seus antepasados edificaron. En total, hai unhas 92 vivendas en Ons. E ao longo dos anos, a pesca foi a actividade principal para estes habitantes, completada coa agricultura e a gandaría, algo do que hoxe en día resulta moi complicado vivir en exclusividade.

A ILLA CHEGOU A ESTAR HABITADA POR MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS NOS 50

Buraco do Inferno, nas Illas Ons
Buraco do Inferno, nas Illas Ons | Fonte: Fernando Sacó

De feito, no pasado a poboación da illa foi bastante densa, e quedan pegadas que así o demostran, como diferentes edificacións que se distribúen pola parte oriental, a máis recollida, dende os páramos ata a costa. Durante o ano 1953 acadou a súa máxima poboación, chegando ás 563 persoas. E hoxe en día, a illa de Ons é, de feito, a única das Illas Atlánticas que acolle unha poboación estable, que no verán, xunto ao cámping, pode chegar a 80 persoas.

En concreto, existen nove pequenas aldeas, das que O Curro é a máis popular, está urbanizada e nela concéntranse un porto, os restaurantes e bares, a tenda e a igrexa. O Caño é a continuación do Curro, pola pista que sube cara o faro. O Cucorno é a aldea máis extensa e máis alta da illa, e ocupa a parte baixa do monte onde está situado o faro. O Laverco é outra aldea alta situada xunto ao Cucorno.

Tamén está O Centolo (o Sentulo), a aldea máis septentrional de todas, con cinco casas situadas nunha zona bastante alta. E Melide, que son tres casas que están camiño do faro, moi preto do Centolo. Séguelles A Chan da Pólvora, con media docena de casas algo desviadas da pista do faro, e é precisamente nela onde se atopa o cámping da illa. Canexol está fronte á ribeira do mar, cara o sur da illa, onde está o cemiterio. E Pereiró é a poboación máis meridional da illa, e tamén unha das máis grandes, situada nun chan dos máis fértiles.

Indo un paso máis aló, e como dato curioso, cabe destacar que o faro de Ons (un dos de maior alcance de España que se acendeu por primeira vez en 1865) é un dos últimos do mundo que está habitado por fareiros, que continúan exercendo o oficio de forma manual: catro destellos cada 24 segundos.

VIVIR NUNHA ILLA TEN LIMITACIÓNS E SE É PARQUE NATURAL MÁIS

Con todo, aínda que a tranquilidade e a natureza sexan un bo reclamo para os turistas, vivir nunha illa durante dilatados períodos de tempo ten as súas limitacións. É imposible facer vida 100 % nun lugar no que se carece, por poñer un exemplo, de centro de saúde, ou de supermercado onde facer a compra. Ademais, falta enerxía eléctrica, pois a pouca que hai é subministrada por un xerador que funciona só algunhas horas. Por iso, os habitantes de Ons teñen que desprazarse continuamente ao concello de Bueu para o seu día a día.

E para volver teñen que ter un carné que os acredita como veciños de Ons e que lles permite cruzar reservando unha das 1.800 prazas, aproximadamente, que a Xunta saca a diario para visitar a illa durante o verán. Ademais a navieira hai que pagala, aínda que se lle apliquen descontos. Por se todo isto non fose suficiente engorro, a posibilidade de realizar reformas, obras ou novas construcción nas vivendas require de moitos trámites burocráticos e de revisións medioambientais.

É por todos estes motivos que a pesares de que haxa un censo oficial, a maioría dos isleños viven na actualidade en Bueu cidade e desprázanse a menudo ou de forma ocasional a Ons para ver que todo vai ben nas casas. De forma permanente calcúlase que habitan na illa únicamente cinco persoas, que aínda resisten a pesares de todos os percances administrativos, entre os que tamén se encontra o ter que pedir permiso para pernoctar na zona.

SÁLVORA DEIXOU DE ESTAR HABITADA EN 1972

Tamén dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas, outra desas zonas propensas para a vida é o arquipélago de Sálvora. Este sitúase na bocana da ría de Arousa, e está separada de terra firme por uns tres kilómetros. Pertence ao concello de Ribeira e ocupa unha superficie de 248 hectáreas, cunha altura no seu punto máis alto de 71 metros. 

A día de hoxe a illa está totalmente deshabitada, pero antigamente consolidouse como unha pequena aldea. De feito, foi expropiada polo Estado en 1904, pero a familia Otero-Goyanes recuperou a súa propiedade en 1958 por un periodo de 99 anos, convertíndoa nun coto de caza privado. Así, pouco a pouco, os colonos foron abandonando a illa, ata que o último que quedou marchouse en 1972. O seu faro foi asistido por fareiros ata fai ben pouco, no 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta