O PPdeG rexeita o uso de linguas cooficiais no Congreso: "O galego non pode ser unha moeda de cambio"

BNG e PSdeG censuran o "negacionismo" dos populares coa pluralidade idiomática do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

O PP de Galicia manifestou a súa oposición a que se permita o uso de linguas cooficiais nas intervencións do Congreso dos Deputados porque consideran que existen "cousas máis importantes" que "preocupan" á cidadanía, como, segundo o deputado José Luís Ferro, unha posible "amnistía" para os políticos independentistas procesados para conseguir sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez.

"O galego non pode ser unha moeda de cambio para conseguir unha Presidencia do Goberno", sentenciou Ferro durante o debate dunha proposición non de lei presentada polo BNG que pretendía solicitar o apoio da Cámara autonómica á reforma do Regulamento da Cámara rexistrada polo PSOE, Sumar, ERC, Bildu, PNV e o propio Bloque para permitir o uso xeneralizado das linguas cooficiais nos debates e iniciativas parlamentarias.

Aínda que o texto da iniciativa será votado este mércores na continuación da primeira sesión do curso político no Pazo do Hórreo, o PP mostrouse crítico cunha proposta detrás da que ven un intento por "esconder" o contido da negociación coas forzas nacionalistas, ademais de responder a unha cuestión que, segundo recalcou Ferro, "non preocupa" á cidadanía. "Nin é o momento adecuado nin é o motivo loable de pór en valor as linguas cooficiais. Hai problemas moito máis prioritarios. Hai anos que se fala galego no Senado e iso non cambiou o curso da historia", aseverou Ferro.

A continuación, e tras afirmar que "o compromiso co galego" do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, "non se pode pór en dúbida" despois dos seus anos como presidente da Xunta; o deputado aseverou que o obxectivo detrás da proposta de permitir o uso das linguas cooficiais no Congreso é "esconder" as "reunións indecentes e as amnistías que están a preparar", en alusión ás negociacións con Junts.

"O galego non pode ser unha moeda de cambio para conseguir unha Presidencia do Goberno", sentenciou Ferro para, a continuación, acusar aos socialistas de "empregar o patrimonio e a cultura de Galicia" para "tapar" as cuestións que están sobre a mesa de negociación para a investidura de Pedro Sánchez.

"A día de hoxe non nos preocupa o uso dos idiomas no Congreso, si nos preocupan as reunións indecentes e as amnistías que están a preparar", engadiu despois de incidir en que "os galegos non teñen un problema coa lingua" nin existe "un conflito" cos idiomas. "Iso queren crealo vostedes", apostilou en apelación a BNG e PSdeG.

"Non renegamos do uso de galego, ninguén de nós é sospeitoso de perseguir o galego, senón todo o contrario", aseverou Ferro, que concluíu a súa intervención botando en cara a BNG e PSdeG que "criticasen con dureza a quen usou o castelán" na Cámara galega e agora moléstense pola negativa do PP a que poidan usarse as cooficiais no Congreso.

"O PP non está a favor do uso do galego no Congreso. Iso teno que ter claro a cidadanía galega", sentenciou na quenda final a deputada do BNG Mercedes Queixas, quen, tras mostrar as súas dúbidas acerca de que a intervención de Ferro fose escrita por el mesmo polo seu contido "incendiario", lamentou que o Grupo Popular "non queira pensar en por si" e limítese a "obedecer" e "repetir" as palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Pola súa banda, a deputada socialista Noa Díaz incidiu en que se trata dunha cuestión de "vontade política" porque "nin a Constitución nin o regulamento do Congreso impide o uso doutras linguas ou obriga a usar o español", polo que instou ao PP a abandonar a súa "estreiteza de miras" e situarse a favor de defender "a lingua e a cultura" de Galicia.

Hemiciclo galego
Hemiciclo galego | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta