Só o voto do PP evita que a Deputación de Pontevedra esixa a dimisión do presidente da Federación Galega de Fútbol

Os populares rexeitan "queimar en praza pública" a Louzán e afean ao PSdeG que non pida o cesamento de Irene Montero polo 'só si é si'.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/09/2023 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

O 'non' do PP tombou este venres unha moción debatida no pleno da Deputación de Pontevedra, a iniciativa do PSdeG, para esixir á Xunta que movese ficha para pedir a destitución de Rafael Louzán como presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), pola súa postura no 'Caso Rubiales'.

E é que Louzán, que foi presidente da Deputación entre os anos 2003 e 2015 baixo as siglas populares, destacou nun primeiro momento que o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, "pedira desculpas" polo bico non consentido á xogadora Jenni Hermoso ("son erros que se cometen na vida", dixo), para semanas despois esixir a súa dimisión nun comunicado xunto aos outros 17 dirixentes autonómicos.

A encargada de presentar a moción foi a deputada do PSdeG-PSOE Ana Laura Iglesias, quen se referiu a a traxectoria "pouco exemplarizante" de quen foi presidente da institución provincial durante 12 anos. De feito, Rafael Louzán está condenado (nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial) a sete anos de inhabilitación por prevaricación, ao conceder unha subvención de máis de 86.000 euros a unha empresa para mellorar un campo de fútbol en Moraña.

A isto engadiu a socialista a "actitude" do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, porque "aplaudiu" na asemblea na que Rubiales descartou dimitir e atacou ao feminismo, e a primeira semana do escándalo chegou a "minimizar" o bico a Jenni Hermoso coas súas declaracións. "Louzán foi un firme apoio a Rubiales durante esta crise", insistiu Iglesias, quen aproveitou para sinalar a relación do exlíder do PP pontevedrés co actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Por parte do BNG, que apoiou a moción, María Ortega cualificou de "vergoñosa" a actitude do dirixente da RFGF, aínda que lembrou que acumulaba suficiente "hemeroteca" como para solicitar a súa dimisión antes do 'Caso Rubiales'. "As condutas machistas hai que condenalas, as verbais, as físicas, as económicas... en calquera nivel", reiterou a nacionalista, para contrapor que as palabras de Louzán foron "rancias" e "inaceptables" porque apoian "comportamentos machistas, violentos e mafiosos contra as xogadoras".

O PP PIDE NON "QUEIMAR A UN CIDADÁN EN PRAZA PÚBLICA"

Fronte a estas acusacións, o portavoz do grupo do PP, Jorge Cubela, defendeu a xestión de Louzán no ámbito deportivo (en particular, polo feminino) cando estivo á fronte da Deputación e lamentou que a oposición queira "tratar de queimar a un cidadán en praza pública" a pesar de que "xa non é un cargo público". "Denota con claridade que estiveron no goberno e agora na oposición. Están moi lonxe da realidade e dos problemas reais da provincia. De aí os seus resultados nas municipais", sinalou Cubela.

Neste contexto, o portavoz popular afeou ao PSdeG que non presentase unha moción para pedir a dimisión da ministra de Igualdade en funcións, Irene Montero, polas rebaixas de condena derivadas da lei do 'só si é si'. En calquera caso, deixou de manifesto o "rexeitamento" do PP ao "comportamento intolerable" de Rubiales na final do Mundial de Fútbol Feminino. Precisamente, o popular vinculou ao presidente da RFEF co Partido Socialista e criticou que o Goberno de España "non moveu ficha" neste asunto, máis aló dunha "declaración de intencións".

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López (PP), preside o pleno provincial
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López (PP), preside o pleno provincial | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta