A Praia Fluvial de Monforte ubicarase en Ribas Altas, na zona da Lama

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural,  Servizos e Medio Ambiente José Luis Losada, deu a coñecer hoxe mediante rolda de prensa, a ubicación dunha Área recreativa e Praia fluvial de Monforte “que van ser únicas en Galicia dado que neste momento non hai ningunha semellante, nin o que se refire ás dimensións, nin ós servizos que van poder disfrutar os cidadáns”.

Por Galicia Confidencial | LUGO | 17/09/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A ubicación desta infraestrutura de servizos será na Parroquia de Ribas Altas, na zona coñecida como A Lama, na marxe dereita do río Cabe. Concretamente, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.

Plano praia fluvial e área recreativa
Plano praia fluvial e área recreativa | Fonte: Concello de Monforte

O alcalde explicou que “despois de analizar moitas posibles ubicacións, chegamos á conclusión de que este é o sitio axeitado, debido á configuración do río Cabe, á amplitude de espazos, ás boas comunicacións, á regularidade do solo, á proximidade dos servizos, á área recreativa xa existente, á posibilidade de aproveitar parte das árbores xa existentes para sombra, á amplitude para estacionamento, á posibilidade de construír paseos de máis de 2 km., a que ó situarse antes do seu paso pola cidade, non hai vertidos ó río, xa que sitúase moi preto do Azud onde se toma a auga de abastecemento para potabilizar e que consumimos todos os monfortinos, e finalmente, a que a presa desmontable que é necesario construír, sitúase nunha zona de fácil acceso para o seu manexo”.

O conxunto desta dotación pública que promove o Concello de Monforte, terá unha superficie total de máis de 116.000 m2, é dicir, 11,6 hectáreas.

O custe estimado para acometer esta Área recreativa e Praia fluvial, que pode variar cando se redacte o proxecto construtivo, ascende a 5.023.818,08€, “o que da unha boa mostra da importancia da actuación que se vai acometer”, subliñou o rexedor monfortino.

Proximamente licitarase a redacción do Plan Especial, que aprobará en breve a Xunta de Goberno, na que se aprobarán as bases técnicas e administrativas que van rexer o concurso. Este proxecto require de dous permisos, un da Confederación Hidrográfica e outro da Xunta de Galicia, polo que o rexedor monfortino matizou que “si o resto de administracións que teñen que dar os permisos colaboran, a idea do Equipo de Goberno é que estea rematada neste mandato. Por nós non vai quedar”.

Azud desmontable

En primeiro lugar, construción dun Azud desmontable (presa), co fin de elevar a cota da lámina de auga do rio para facilitar o baño proxectarase a construción dunha presa desmontable de aceiro sobre base de formigón con unha altura aproximada sobre a cimentación de 1,20 metros.

Este Azud estará en servizo dende a primavera ata outono e retirarase na época de choivas para evitar posibles inundacións, aínda que o espazo público estará aberto todo o ano para uso e disfrute dos veciños e veciñas de Monforte.

Praia Fluvial

Construirase unha praia fluvial cunha superficie de área que supera os 14.000 m2 1,4 hectáreas que terá unha fachada ao río de 280 m de largo e un ancho aproximado de 50 m. Terá varios accesos á zona de baño para poder entrar e saír da auga..

Zona verde con céspede e pradeira

Divídese en dúas zonas, unha mais axardinada con céspede, pegada á zona de area da praia fluvial, e outra zona con pradeira mais distanciada para zona de paseo e descanso. En ambas zonas conservaranse árbores que xa existen na actualidade e procederase á plantación de outros novos onde sexa necesario.

Accesos e aparcamento para vehículos

Construirase un estacionamento para vehículos con capacidade para 366 automóbiles, ademais de prazas adaptadas para persoas con discapacidade, prazas para motocicletas, bicicletas e autobuses, que en total superarán as 400 prazas. 

Paseos peonís

En todo o ámbito de actuación da área recreativa construiranse paseos peonís que recorren o perímetro da mesma, cruzando tamén polo centro. Son paseos de 3 metros de anchura que teñen unha lonxitude de 2.360 metros lineais e unha superficie de algo mais de 8.800 m2, preto dunha hectárea de paseo.

Parque infantil

Dentro do ámbito da área recreativa e pegado ao paseo peonill, xunto á zona de estacionamento, construirase un parque infantil semellante ao que hai na Compañía ou no Hospital que terá unha superficie de 1.200 m2 no que se situarán diversos aparatos para xogos de nenos de distintas idades e con pavimento de caucho, tal e como establece a normativa vixente.

Edificación para uso hosteleiro e aseos públicos

Esta edificación construirase en planta baixa, con unha superficie aproximada de 825 m2. Estará situada aproximadamente no centro da zona de actuación entre a zona de baño e a zona de estacionamento e ao lado do parque infantil. Nesta edificación situarase unha cafetería-restaurante ademais de zonas de almacén e aseos para o público en xeral. Ós metros cadrados de construción hai que engadir a zona de terraza que se vai habilitar xunto ao edificio, que en total superará, esta parte, os 1.000 m2.

Edificación para almacén

Tamén será unha edificación de planta baixa para uso de almacén e nela situaranse os vehículos e ferramentas necesarios para o mantemento da zona, así como os produtos de limpeza ou abonos que sexan necesarios e terá unha superficie aproximada de 150m2 construídos.

Peche perimetral

A zona de actuación contará en todo o seu perímetro con un peche de malla electro soldada plastificada de 2 m. de alto sobre postes de aceiro, excepto no linde co Río Cabe.

Camiño exterior

Para manter as boas comunicacións na zona onde se ubique a área recreativa habilitarase un camiño publico con bo firme que sirva de aceso ás fincas colindantes e que delimitará a Área Recreativa pola zona oeste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta