Por Xurxo Salgado | A Coruña | 14/05/2015 | Actualizada ás 15:19
Equo se presenta en seis concellos coaligados con outras forzas. Cales foron as vosas reclamacións para estar nesas candidaturas?
En EQUO Galicia elaborouse un documento de mínimos onde se incluíu unha lista de requisitos para as candidaturas onde EQUO participase nos concellos galegos. Entre eses requisitos estaba por exemplo a selección das persoas para as candidaturas a través dunhas primarias abertas ou un programa realizado de xeito participativo. Ademais, hai contidos programáticos que para nós son irrenunciables e que tamén se inclúen nos programas das candidaturas coas que confluímos. Estes contidos aos que nos referimos teñen
relación coa sostibilidade medioambiental e económica, a equidade social e unha democracia participativa e transparente.
Nalgunhas delas ides con EU, Anova ou Podemos, noutras non... A que se debe que nunha cidade como en Santiago vaiades xuntos e non en Vigo, por exemplo?
Foron propostos unha serie de mínimos dende EQUO Galicia para que en cada concello se apoiasen ou non as candidaturas cidadás que existisen. Cada grupo local de EQUO tomou finalmente en asemblea a decisión final de dar ese apoio ou non. En Vigo o proceso de formación de acordos entre partidos comezou moi ceo, pero os intereses de cada un fixeron que pronto proliferasen as plataformas cidadás cuns procesos distintos aos que tiveron lugar noutras vilas e cidades galegas, como Compostela, Ourense ou A Coruña.
Ante a falta dun traballo desde a cidadanía, colaborativo, participativo e transparente, lonxe de manipulacións partidistas, e vendo o paso do tempo e a evolución deses proxectos, as persoas afiliadas e simpatizantes de EQUO en Vigo decidiron apostar pola confluencia con Piratas de Galicia, tras moitos encontros nas rúas coincidindo no apoio da cidadanía mobilizada. A esta coalición uniuse no proceso de primarias e na elaboración do programa aberto a plataforma cidadá Vigo en Común, así como outras persoas non vinculadas a ningún partido político.
E non cres que esta situación, precisamente, provoca a incerteza do electorado e pode penalizar a estas plataformas cidadás?
Todas as plataformas ou coalicións teñen marcado carácter local e precisamente cremos que nisto radica a súa forza. Por iso pensamos que o que prima por riba das siglas que apoien ou non cada candidatura son as formas e os contidos que se defendan. Isto non elimina o reto de comunicar aos nosos votantes onde nos atopamos en cada caso, ben sexa apoiando a unha plataforma cidadá ou na coalición EQUO-Piratas en Vigo.
A maior parte destas candidaturas nas que vos presentades son en cidades. E que o ecoloxismo é so un fenómeno urbano?
Por suposto que o ecoloxismo non é soamente un fenómeno urbano. De feito hai moitas persoas no rural defendendo políticas que valoren e teñan en conta o medio ambiente. Porén, o que sucede é que o rural galego está moi disperso e resulta difícil ter unha organización ampla que permita presentarse en moitos concellos. Aínda así, somos moi activos en Betanzos Novo e Manifesto Miñor.
Por outra banda, profundizando no tema, en EQUO avogamos pola defensa do rural galego revalorizando os seus recursos e evitando a despoboación. A nosa proposta pasa por modificar a relación entre agro e cidade repensando os equilibrios produtivos e demográficos entre ambos. Temos unha grande responsabilidade e moito traballo por diante nese ámbito. As nosas propostas a nivel europeo e estatal favorecerían o desenvolvemento rural en gran medida xa que, por exemplo, as bolsas de emprego verde estarían moi radicadas no rural.
Vós defendedes, principalmente, un modelo de ecoloxía política. Este termo xa foi utilizado tamén polos Ecosocialistas, cos que tamén compartides algunha candidatura. Que vos diferencia deles?
EQUO existe en Galicia desde as eleccións xerais de 2011. A partir de aí, con posterioridade houbo algunhas persoas que se integraron no xérmolo de Espazo Ecosocialista (nun primeiro momento Espazo Ecogaleguista), defendendo moitos dos principios de EQUO nesa nova organización. Habería que preguntarlle á xente de Espazo cales foron os seus motivos para formar un novo partido practicamente no mesmo espazo político.
EQUO Galicia ten autonomía e independencia con respecto a todas as decisións que atinxen a Galicia. Ademais, ten a vantaxe de formar parte da familia de EQUO e dos Verdes Europeos: think global, act local.
E cales son as vosas principais reclamacións de cara a estes comicios?
Nós avogamos principalmente por que o medio ambiente sexa considerado como un tema transversal a ter en conta en todas as políticas, tal e como se defende dende a Ecoloxía Política. Pensamos que o que estamos vivindo é unha crise non só económica, como nos queren vender, senón tamén social e medioambiental. Xustiza social e medioambiental van da man.
Os recursos do planeta son finitos e debemos modificar o modelo económico evitando o crecemento infinito irresponsable e aproveitando para crear postos de traballo dentro do ámbito do Emprego Verde, utilizando a Fiscalidade Verde, etc.. poñendo sempre como obxectivo principal da cidadanía conseguir o Bo Vivir. No eido municipal reclamamos un cambio nas prioridades da xestión dos Concellos: recuperación dos espazos públicos, aproveitar as ferramentas dispoñibles nas competencias municipais para garantir o benestar e protección de todas, orzamentos municipais participados pola veciñanza, uso axeitado da recadación dos impostos municipais,mellora da mobilidade urbana e interurbana, etc.
E cres que está a sociedade galega concienciada da necesidade de defender o seu medio?
Moitas veces non é cuestión só de concienciación da cidadanía senón de responsabilidade dos gobernantes. A sociedade galega está moito mais concienciada do que ás veces se quere facer ver. Porén, dende certos sectores sempre se tratou de demonizar o ecoloxismo co obxectivo de vendelo como algo malo. Isto está cambiando radicalmente e cada vez a xente é máis consciente do que lle afecta no seu día a día que se dane o medio ambiente.
Dende a contaminación do aire ata os alimentos cheos de química que consumimos, empezamos a darnos conta de que hai cousas que non nos gustan e que debemos cambiar.
Un exemplo claro de que a sociedade galega está concienciada é a reacción que tivo ante a posibilidade de crear unha mina a celo aberto en Corcoesto ou ante unha nova incineradora no sur de Galicia.
Falando de concienciación e de responsabilidade das institucións podemos poñer tamén un exemplo do que non se está a facer ben. A maioría da poboación ten clara a importancia da reciclaxe pero a falta de información sobre o que se debe tirar en cada contedor, a colocación dos contedores, as plantas de reciclaxe que non funcionan, ... todo isto fai que non se cumpran os mínimos desexables. Hai moitos outros temas non que pasa o mesmo e debido á mala xestión pérdense incluso oportunidades de xerar máis postos de traballo.
E se Equo tivera representación municipal, cal sería a primeira medida que aprobaría?
Dependería moito do concello do que falaramos. En termos xerais, a transparencia e a loita contra a corrupción existente no municipalismo galego debera ser unha obriga de toda representante municipal, e son unhas das mosas prioridades, claro.
A mellora da xestión de residuos e doutros servizos municipais, a revisión de determinadas concesións municipais, incluíndo re-municipalizacións de servizos cando sexa posible e axeitado, as auditorias enerxéticas para mellorar a eficiencia e potenciar o aforro enerxético, a promoción dun emprego de calidade, a potenciación do cooperativismo, a aposta por unha mobilidade baseada en peóns, bicicletas e transporte público, un urbanismo que favoreza vilas e cidades para as persoas, etc. están entre as nosas medidas para facer do noso hábitat o mellor dos lugares para gozar dun bo vivir. Non menos importantes son medidas como declarar aos concellos libres de transxénicos, fracking e de actos ou festexos con animais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.