Impiden o acceso a Navantia Ferrol dos traballadores de catro empresas auxiliares por incumprir os acordos do convenio

Delegados e sindicatos aseguran que van continuar con estas accións ata que as empresas cumpran cos salarios pactados.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 20/09/2023 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Delegados da industria auxiliar co apoio das federacións de industria dos sindicatos CIG, CCOO, UGT, MAS e CGT, ademais de integrantes do comité de empresa de Navantia Ferrol, impediron na mañá deste mércores o acceso a estas instalacións industriais dos operarios de catro compañías, ao acusar á dirección das mesmas de non aplicar o convenio colectivo aos seus traballadores, o que supón unha rebaixa salarial.

O secretario comarcal de CIG-Industria en Ferrol, Vicente Vidal, dixo, nunha comparecencia antes os medios de comunicación, que xa a mediados de xullo mantiveron un encontro con empresarios da industria auxiliar no que lles comunicaron que tomaban "a decisión, dunha vez por todas, de ser inflexibles" e que cando detectasen que algunha empresa incumpría co convenio de aplicación, ían impedir " a entrada do seu persoal", algo que realizaron este mércores. Así, explicou que se lles impediu o acceso ás empresas "Kaefer, Gabadi e Moncina, que son as dúas do mesmo grupo, e M Branco", pero que esta acción se repetirá "a semana que vén", na que posiblemente se desprazarán a Fene, e logo volverán repetir en Ferrol.

Vidal advertiu de que "se estas empresas corrixen, entrarán, se non cambian non entrarán", alertando de que "hai máis empresas que tamén están na mesma situación, ou peores, e a medida que se vaian coñecendo, vanas a "parar na entrada". Segundo recalcou, esta medida de presión "non ten marcha atrás, e Navantia ten a oportunidade de pór orde na industria auxiliar dentro".

RESPECTAR OS CONVENIOS

O representante da CIG, que exerceu de portavoz do resto de sindicatos, detallou que hai que "conseguir que as empresas como mínimo apliquen o convenio colectivo do sector da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña dentro destas instalacións, e o de servizos, pagará servizos, pero o que é de aceiros, vai ter que pagar aceiros".

Ademais, Vidal tamén mostrou o seu rexeitamento cara á "xefa de recursos humanos da empresa Gabadi, ameazando, coaccionando durante dúas horas, aos seus traballadores, chamando á Policía Nacional, para que entrasen, ou sexa, para pasar por encima deste piquete informativo", algo que, recalcou, "non van consentir".

Desde o ámbito sindical tamén se emprazou á dirección de Navantia a que tome cartas neste asunto. "Estamos firmes, non nos treme o pulso, e podemos estar aquí o tempo que faga falta, hoxe parouse a catro compañías, mañá poden ser catro ou seis", indicou o representante dos traballadores, que advertiron a Navantia de que "está nas súas mans, que chamen aos empresarios, que lles digan claramente que teñen que pagar, que se encadren ben na actividade que fan cada un, e que cumpran".

Por último, Vidal apuntou que os sindicatos teñen "as ferramentas para saber que empresas pagan e que empresas non pagan por convenio", e que se é necesario aplicar medidas máis drásticas, como convocar folga e "paralizar as portas de Navantia", farase. "Mesmo traballo, mesma actividade, mesmo convenio, mesmo salario", resolveu.

Os traballadores da auxiliar Mainfer cortan durante dúas horas o acceso ao estaleiro de Navantia Ferrol
Os traballadores da auxiliar Mainfer cortan durante dúas horas o acceso ao estaleiro de Navantia Ferrol | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta