Joaquín Araújo, ambientalista: "Temos seis posibilidades de colapso a escala planetaria"

Joaquín Araujo (Madrid) é un naturalista, escritor, guionista, produtor e diretor de documentais sobre a natureza. Colaborador de Félix Rodríguez de la Fuente durante os setenta, recibiu o premio Global 500 da ONU e foi asesor de catro ministros. Participou este pasado 19 de setembro na presentación do libro 'O Devalo do Monte', unha obra fotográfica para denunciar os danos á paisaxe dos montes. Fala con GC sobre os eólicos, a crise ambiental, a polución ou os perigos de especies protexidas como o lobo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 24/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cal é a motivación para participar na presentación do catálogo de fotografías “O Devalo do Monte”?

Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'
Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'

A motivación é presentar a iniciativa que por outra parte, non é exclusivamente galega, mais esta é moi intensa polo seu perfil absolutamente artístico. Isto é así porque estamos a enfrontar un dos máis estúpidos problemas ambientais da Historia, necesitando que a totalidade da enerxía sexa renovable, os aspectos vinculados ao territorio escollido polos empresarios e non tanto polas administracións ofrece algo inaceptable, termos unha ameaza sobre boa parte da beleza do territorio para instalar parques eólicos e ás veces granxas solares. Isto é dramaticamente contraditorio.

-Visitou os montes do Cábado e Montouto?
Si, entre o luns e o martes pasado visitei eses espazos, e confírmase a absoluta inoportunidade de usar unha das partes máis fermosas da paisaxe para uns elementos que poden ser perfectamente colocados noutros lugares moi ben localizados. Un elemento que se está a obviar é a creación dun colectivo dentro da comunidade científica, “Rebelión Científica”, moi vinculado á situación climática, teñen inventariado un conxunto de dous millóns de hectáreas en España como territorio totalmente destruído. Aí non importaría colocar nada en vez de facelo en reservas da biosfera, Rede Natura 2000 e mesmo parques naturais por non falar de se a cousa avanza no mar, é dicir, lugares esenciais para a continuidade dos procesos ecolóxicos naturais, isto é unha barbaridade. Iso acontece cos lugares ameazados dentro da provincia de Pontevedra, que xa ten parques eólicos de máis, evidentemente resulta catastrófico.

-Apunta intereses privados detrás destas accións, están usando o cambio para as renovables como unha maneira de salvarse de cara a non poder usar combustible fósil?
Esa apreciación é oportuna. Realmente, esta opción (enerxía renovables) que persoas coma min, con cincuenta anos dedicados á defensa da natureza en conxunto, desde logo que apoiamos as renovables e ao mellor sería desexable máis muíños eólicos aínda que non en certas localizacións. Eses lugares foron elixidos basicamente polas empresas, non pola administración e responde á filosofía neoliberal que permite ao empresario ser responsable da ubicación e do impacto positivo ou negativo que poden ter estas instalacións. O empresariado non traizoa os seus principios, busca máximo rendemento en menos tempo posible e as ubicacións elixidas corresponden ás finalidades deste colectivo empresarial. Mais hai unha necesidade que debemos ter en conta: a referencia estética, cultural e transcendental que ten a paisaxe para as persoas. Mais agora mesmo estamos nun proceso de ir esgotando a capacidade biolóxica do planeta, pois se xa é grave o do quencemento global, aínda é máis grave o que acontece coa paisaxe no seu conxunto, coa vida de animais e plantas. Frear este esgotamento da vida do planeta debera ser estratexia prioritaria porque todos somos seres vivos e preferimos a vida e non a morte. O empresario mira polo seu e a sociedade, por moitos colectivos que se rebelen, como os fotógrafos desta exposición (O Devalo do Monte) ou por moitos organismos internacionais e organizacións locais que se dedican con esforzo e sen remuneración a defender a paisaxe, podemos dicir que, en xeral, as administracións traizoan o servizo para o ben público. O interese privado non debe prevalecer sobre a continuidade da vida.

Está inventariado un conxunto de dous millóns de hectáreas en España como territorio totalmente destruído. Aí non importaría colocar nada en vez de facelo en reservas da biosfera

Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'
Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'

-Hai quen apunta á eólica mariña como o crime perfecto en canto dano ambiental para as aves, sobre todo migratorias, pois os cadáveres dos paxaros que baten contra os muíños desaparecen no mar e non se poden contar. Está de acordo con esta apreciación e existen outros crimes perfectos contra a natureza usando as renovables?
Nestes momentos, as renovables están contempladas como unha táboa de salvación para o modelo de sociedade que temos: hiperactiva, hiperconsumista, acelerada e esaxerada. Sabendo como saben estes responsables das empresas que se debe abolir o uso de combustible fósil a súa postura é “usar as renovables para seguir facendo o mesmo”. Non é unicamente quitar o combustible fósil, é algo máis amplo como termos unha sociedade máis simple, equilibrada, austera e caendo na conta que se pode vivir realmente ben con moito menos. O crime perfecto é poñerlle selo de solución a un elemento que é un problema. En canto á eólica mariña, se a liña do horizonte ten que ser defendida por todos os valores, estéticos e morais, xuntamente coa diversidade que existe nas montañas, pois nas partes chás xa foi esquilmada, que podemos dicir do mar. Aínda pode ser máis importante deixar o mar tranquilo e deixalo producir osíxeno, alimentos e beleza. Por tanto, estou de acordo en que xa é unha barbaridade que os eólicos estean no océano. E sigo insistindo, hai dous millóns de hectáreas dentro do territorio do Estado completamente destruídas e aí é onde se debe poñer as granxas solares e os muíños eólicos. Se non houbese sitio aínda poderiamos ter certa permisividade, mais é que hai onde facelo.

-Galicia Confidencial publicou unha reportaxe sobre os perigos dos parques eólicos para aves rapaces en perigo de extinción ou poboacións moi reducidas. Axudan estas instalacións á posibilidade real de extinción destas aves?
Si, hai constatación deste punto pois contamos con infinidade de datos rigorosos aportados pola comunidade científica e tamén de persoas e colectivos voluntarios que están facendo mesmo recolección de cadáveres. Todo isto mostra que hai unha afectación sobre poboacións que teñen poucos efectivos demográficos e o impacto sobre elas é significativo. Os muíños que ocupan a liña do horizonte e as lombas por onde pasan estas aves, rompen moitas ás.

O empresariado non traizoa os seus principios, busca máximo rendemento en menos tempo posible e as ubicacións elixidas (para eólicos) corresponden ás finalidades deste colectivo empresarial

-Dentro da paisaxe tamén están as zonas húmidas que alimentan acuíferos e nacementos de ríos. Estas áreas están tamén afectadas por todo tipo de infraestruturas. De onde vén ese desexo de ocupar áreas de nacementos de auga que logo fornecen poboacións como as cidades?
É o “todo vale” da empresa que sexa e mantén a fachenda do capitalismo exacerbado, máximo rendemento no menor tempo posible ou enriquecemento a calquera prezo. Estamos diante dunha falta de planificación territorial seriamente asumida polas administracións e rixidamente sancionada cando se interrompe. As ubicacións non poden ser elixidas polo empresariado. Actualmente temos seis posibilidades de colapso a escala planetaria, algúns din nove, un dos máis importantes é a ameaza de colpaso hídrico. Por iso, calquera lugar de reserva de auga, como son as montañas, os principais colectores de auga, isto debera entrar na categoría de intocable porque hai outros sitios onde colocar todas esas infraestruturas. Podemos vivir perfectamente ben gastando a metade do que se gasta hoxe en todo.

-Iso necesitaría dun investimento pedagóxico moi importante para que as persoas o entendesen.
Evidentemente, aínda así podemos dicir que o xornalismo ambiental aumentou por moito a súa capacidade, o seu rigor. Tamén se pode dicir que a educación ambiental multiplicouse por 40 ou 50 en relación ao que acontecía hai corenta ou cincuenta anos, mesmo na administración se multiplicaron os departamentos, empregados, administradores desde o punto de vista do que pode ser a defensa medioambiental. Todo iso non compensa a degradación ambiental, mais desde logo non avanzaremos se non incrementamos por moitas veces máis a formación ambiental, a educación ambiental e a administración ambiental. E aínda así, a saúde do planeta é infinitamente peor que hai cincuenta anos.

 Agora mesmo estamos nun proceso de ir esgotando a capacidade biolóxica do planeta, pois se xa é grave o do quencemento global, aínda é máis grave o que acontece coa paisaxe no seu conxunto, coa vida de animais e plantas

-Falaba antes de accións de colectivos e mesmo accións individuais para a defensa da natureza. Non ten a sensación ou non ten observado unha dispersión ou falta de coordinación entre os diferentes colectivos involucrados na defensa do medio ambiente?
Por unha parte, iso ten un perfil mesmo esperanzador mais tamén outra cara negativa. Son militante ecoloxistas desde hai cincuenta e catro anos e xa pasei por todas as etapas, se hai algo que me ten esperanzado é a enorme cantidade de movementos de protesta case espontáneos. Agora mesmo, que estou ao pé do Oitavén e do Verdugo, pois naceu un movemento veciñal oposto á creación dun novo encoro, que en moitas vilas e aldeas nas montañas do país se creasen movementos literalmente desde a nada, contra parques eólicos, mesmo contra cousas como determinadas infraestruturas. Todo isto é válido, e sería moito máis válido se os 280 grupos locais que agora mesmo loitan contra parques eólicos, se houbese máis coordinación, se houbese un intento, estaría moito mellor. As grandes organizacións se coordinasen moito máis habería unha maior efectividade. O movemento ecoloxista ten moito de espontáneo, e cando se forma sen liderados e sen instruccións, creo que ten un perfil positivo. Con todo, coido que habería moitos máis resultados se houbese unha ampla capacidade de unir esforzos.

-Falemos sobre o lobo. A postura que lanzou hai pouco a UE sobre este animal é unha consecuencia da presión dos sectores industriais e sociais da agricultura e gandaría?
Si, desde logo. Unha grande parte do que se fai en política actualmente é pola presión dos lobbies. En Bruxelas, no Parlamento Europeo, os lobbies están tentando todos os días que as leis sexan favorables a determinados grupos de produción. Isto é así, algo para min moi triste, pois esas accións non quedan equilibradas pola presión que facemos quen non somos lobbies senón que estamos defendendo un ben común, aínda encima gratuitamente. Cando defendemos a liña do horizonte, a limpeza do aire e a multiplicidade das especies, ademais de que non nos pagan, realmente estamos defendendo algo que é de todos, un patrimonio absolutamente universal, esa é a grande diferenza. Por tanto, o lobo é un patrimonio universal e biolóxico de toda a humanidade a pesar dos anatemas que ten sobre el. Ademais, cando se ten algo de idea sobre ecoloxía, o lobo é imprescindible para os sistemas naturais, mellóraos. Se alguén di que o lobo está sobreprotexido ou que ten certa incidencia que pode ser mínima e compensada, pois temos sectores como o gandeiro que tenta convencer contra a presenza de lobos no centro de Alemaña, en Francia ou en Galicia. Se Ursula von der Leyen di que se debe protexer menos o lobo é por presións.

-Terá coñecemento sobre a declaración de emerxencia cinexética feita pola Xunta debido ao xabaril. A presenza do xabaril obedece á preferencia dunha especie cinexéticas sobre outras especies salvaxes?
A proliferación do xabaril é unha demostración da ruptura dos equilibrios e non en pouca medida, do abandono rural e de zonas tradicionais de cultivo. Tamén debemos ter en conta unha certa hibridación co porco común e iso permite a proliferación do xabaril. Obviamente, sería bo que houbese moitos menos. Con todo, darlle vía libre ao cazador que vaia ao campo cazar xabaril eu, que vivo nunha comarca de 250.000 hectáreas e o único lugar onde non se caza é na miña propiedade, teña unha relación directa cos cazadores. Unha persoa, soa no campo e cunha escopeta é moi difícil que só dispare a un obxectivo. Se o cazador está para dispararlle a un xabaril e lle pasa por diante un corzo, vaille disparar, o mesmo fará cun raposo. Este é problema, a perigosidade de ir calquera día cazar xabaril, iso é moi perigoso. Desde logo, o xabaril é un dos poucos exemplos da necesidade dunha caza controlada porque fan dano en moitos lugares. Sería bo que houbese menos. Mais todo iso necesita un control, non podes cazar xabaril cando todas as especies se están reproducindo na primavera, pódense organizar cazarías controladas por parte de gardas forestais, pois senón será unha maneira de infrinxir moitas normas de conservación ambiental.

O movemento ecoloxista ten moito de espontáneo, e cando se forma sen liderados e sen instruccións, creo que ten un perfil positivo. Con todo, coido que habería moitos máis resultados se houbese unha ampla capacidade de unir esforzos.

-Xa terá visto o monte con especies foráneas como o eucalipto. Como se podería frear a vaga de eucalipto cando temos en Galicia unha moratoria sobre esta árbore?
É un caso moi parecido ao dos eólicos. Temos que facer un uso acaído aceptando a sabiduría que as plantas demostraron durante millóns de anos adaptándose a climas e lugares. Necesitamos máis árbores das que temos, en Galicia hai menos da metade que necesitaría, mais os que se deberan existir son os propios do lugar. Hai que recuperar o bosque autóctono. A árbore é a mellor aliada do ser humano para enfrontarse ao quencemento global. Por que plantamos eucalipto? Porque necesitamos diñeiro. Iso non é o que necesita agora a historia da vida nin a historia do humano. Aí tamén vemos as presións sobre as administración e a idiosincrasia do ser humano. Falta moita sensibilidade e comprensión sobre a natureza. Ou queres madeira ou queres osíxeno.

Se Ursula von der Leyen di que se debe protexer menos o lobo é por presións

-É vostede optimista en canto as posicións que se podan tomar de cara o futuro para amortecer o quencemento global e dos danos feitos á natureza, ou pola contra, seguiremos sendo unha sociedade egoísta?
Isto é especialmente duro e delicado. Se me agarro ao que sei por ser quen son, ecoloxista de toda a vida, que leo informes todos os días, estou en contacto con Nacións Unidas, que fun asesor de catro ministros, se eu me agarro a todo iso e a algunhas cousas que puiden axudar a facer, direi que non son optimista sobre canto pasa no mundo. Se  me agarro ao que me gusta, ao preferente para min, á capacidade de rebeldía do ser humano, do seu altruismo, entón si son optimista. Ás veces as nosas preferencias afloran, pois aquí temos que escoller, ti prefires a beleza e a vida fronte a morte. O que acontece agora mesmo é moi radical, escoller entre a vida e a morte. Se somos capaces de escoller a vida, estamos a tempo e podemos reverter a situación. Racionalmente non temos solución e estamos perdidos. Sentimentalmente aínda nos podemos salvar.

Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'
Joaquín Araújo na presentación 'O Devalo do Monte'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta