O Parlamento pide á Xunta manter a tramitación "garantista e respectuosa" co medio ambiente de proxectos mineiros

A deputada socialista Noa Díaz sinalou que, dado que non se pode eliminar o impacto das explotacións mineiras, deberá minimizarse, algo que debería facerse coa avaliación ambiental "que se incumpre cada día do ano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves a proposición non de lei do grupo popular pola que se insta á Xunta de Galicia a manter unha tramitación "garantista e respectuosa co medio ambiente" dos proxectos mineiros na comunidade. Desta forma, todas as iniciativas, especialmente as relativas a materias primas fundamentais ou minerais críticos segundo os plans e programas europeos, deben cumprir cos requisitos esixidos tanto na normativa estatal como na autonómica.

O portavoz popular de Industria, Moisés Rodríguez, encargado de defender a proposta, indicou que o Goberno galego leva a cabo un seguimento ambiental das explotacións a través dun plan que comprende non só a comprobación documental, senón tamén visitas de inspección que dan como resultado informes que se remiten ao titular da explotación. Nestes informes, apuntou, faise un repaso de todas as obrigacións existentes e fanse observacións para mellorar o estado ambiental da explotación.

Nesta liña, Moisés Rodríguez explicou que a Axenda de impulso da minaría sustentable, aprobada pola Xunta en 2022 en consenso co sector, "ten como obxectivos a compatibilidade co medio ambiente, o desenvolvemento do medio rural, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos e o impulso dos minerais estratéxicos esenciais para o tecido industrial, así como a promoción do desenvolvemento económico e social".

"O que pretendemos é consolidar o modelo de minaría galega sustentable, responsable e, sobre todo, con futuro, coa finalidade de modernizar as principais cadeas de valor da industria galega para garantir a subministración de produtos e servizos esenciais", defendeu o portavoz popular. Moisés Rodríguez avogou por "reivindicar o valor do sector mineiro e dar visibilidade ao seu papel estratéxico na creación de emprego e riqueza en Galicia, así como para avanzar no progreso e benestar da sociedade".

OPOSICIÓN

Pola súa banda, a deputada socialista Noa Díaz sinalou que, dado que non se pode eliminar o impacto das explotacións mineiras, deberá minimizarse, algo que debería facerse coa avaliación ambiental "que se incumpre cada día do ano". Afirmou que os socialistas non están en contra da extracción mineira, necesaria para a vida moderna, pero reclaman que se cumpra a normativa "de forma real, non aparente".

Aínda que se mostraron a favor de "reforzar e mellorar" esa normativa, Díaz presentou unha emenda para eliminar o "eufemismo" de "seguir defendendo" e modificalo por "defenden". "Non podemos votar a favor porque a Xunta non está a defender", matizou. A nacionalista Noa Presas, pola súa banda, lamentou a utilización da Comisión "para autoaplaudirse e dicir que o fan todo moi ben", á vez que censuraba que a Xunta non defenda o autogoberno e capacidade de decisión cando "veñen cambios a nivel europeo e a nivel estatal".

Nesta liña, criticou que a Xunta sexa "cero" garantista nun momento en que Galicia ten "unha posición estratéxica" ao posuír 15 dos 34 minerais cualificados de estratéxicos pola UE. "Confórmanse con que este país sexa simplemente unha reserva mineira", insistiu. Finalmente, a emenda do grupo socialista non foi aceptada e este decantouse pola abstención na votación, como fixo o grupo do BNG. A proposición quedou aprobada co sete votos a favor do grupo popular.

Vertedura da mina de San Finx
Vertedura da mina de San Finx | Fonte: Confraría de Noia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta