O acusado de recoller co coche a unha amiga que bebera en Sanxenxo e violala enfróntase a seis anos de prisión

Ambos ofrecen versións contraditorias sobre uns feitos ocorridos en agosto de 2021. "Pregunteille se quería e dixo que si", pero pararon "aos dous minutos, porque ela me dixo: para, para; e eu parei", dixo o acusado.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 21/09/2023 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo celebrado este xoves contra un home acusado de recoller co seu coche a unha amiga que estaba en estado de embriagueza, levala á súa casa e violala en Sanxenxo. A Fiscalía mantén a cualificación dun delito de abuso sexual e a petición de seis anos de cárcere.

Ademais da pena de prisión, o representante do Ministerio Público tamén solicita que a sentenza impoña a este home outros dez anos de liberdade vixiada e unha prohibición de aproximación a menos de 500 metros á vítima, ao seu domicilio, lugar de estudos ou calquera outro no que se atopa a muller, ademais de prohibirlle a comunicación por calquera medio durante un período de sete anos. En concepto de indemnización solicita o pago de 3.000 euros polos danos e prexuízos sufridos.

Durante a vista oral celebrada este xoves, o acusado e a muller ofreceron versións contraditorias sobre os feitos ocorridos no municipio pontevedrés de Sanxenxo o 29 de agosto de 2021. A vítima e as súas testemuñas aseguraron que o día dos feitos ela atopábase nun estado de embriagueza que lle impedía camiñar, falar con coherencia e tamén acordarse de todo o que sucedeu.

O acusado afirmou que el e a denunciante eran "como irmáns" e que aquel día a acompañou á súa casa porque ela llo pediu. Tamén relatou que ela podía falar e camiñar polo seu propio pé e que, ao chegar á vivenda, a súa amiga "empezouse a insinuar e a restregarse" con el: "Non mo esperaba". Ademais, explicou que mantiveron unha relación sexual consentida: "pregunteille se quería e dixo que si", pero pararon "aos dous minutos, porque ela me dixo: para, para; e eu parei".

No xuízo tamén se expuxeron as mensaxes que ambos se enviaron por Whatsapp ao día seguinte nos que o acusado pedía perdón "por ela, porque se sentía animicamente mal", segundo xustificou. "Pedinlle perdón por como se podía sentir pero eu en ningún momento fixen nada que ela non quixese", dixo. Con todo, tanto a vítima como a súa nai sostiveron que esas mensaxes son proba do arrepentimento del ao recoñecer os feitos dos que lle acusan.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta