A Xunta defende que nun curso con menos alumnado "hai máis aulas e máis profesorado"

Marca en FP con 64.570 alumnos nun curso que arrinca coa polémica por non repor a gratuidade dos libros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2023 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Galicia terá este novo curso escolar 2023/2024 unha nova marca de alumnos en FP. A falta de tres días de que peche o prazo de matrícula, hai xa un total de 64.570 inscritos, o que implica un aumento de 3.678 persoas nun ano, un 6% máis, e un 86% máis sobre o curso 2008/09, o último no que gobernou o bipartito.

Son cifras que reivindicou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha comparecencia no Parlamento galego para avaliar o arranque dun novo curso, que transcorreu "con normalidade".

No debate político, a oposición --BNG e PSdeG-- situou no foco as críticas cara á non gratuidade do material escolar e os libros de texto, mentres facían referencia a uns "recortes" de aulas e profesores que o conselleiro e o PP negaron.

Román Rodríguez iniciou a súa intervención cun "recoñecemento e agradecemento" a toda a comunidade educativa por un arranque de ano académico que, "salvo pequenas cuestións puntuais, está a desenvolverse con total normalidade". Así, prometeu buscar "solucións a calquera pequena incidencia" que xurda. Neste contexto, o titular de Educación defendeu a "planificación" do seu departamento "con criterios pedagóxicos, xeográficos, demográficos e cunha xestión responsable de recursos públicos".

ALUMNOS, PROFESORES E AULAS

Volveu a dar a cifra de que o novo curso terá ao redor de 225.000 alumnos en Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Así, haberá uns 2.000 estudantes menos --principalmente, redúcense en Infantil, Primaria e Bacharelato-- a pesar do cal, reivindicou Rodríguez, "hai 370 profesores máis e tamén máis aulas", que son case 12.000.

"Pese ao descenso demográfico, a Xunta mantén estable a dotación de persoal", afirmou, para insistir en que o cociente alumno-profesor é "a mellor de España", segundo datos do Ministerio de Educación: 9,8 por 100, fronte aos 11 en todo o Estado.

Tamén achacou á cuestión demográfica o peche de centros rurais --tres este ano, en Laxe, Padrón e Vimianzo-- que non chegaron ao mínimo de matrículas. "Non podemos ter unha escola con tres ou catro nenos, por razóns pedagóxicas", xustificou Rodríguez, quen afirmou que esta reordenación tamén implica "abrir" outras unidades.

CRÍTICAS AO GOBERNO

A comparecencia de inicio de curso do conselleiro tamén estivo colmada de críticas ao Ministerio de Educación a conta da aprobación da nova lei educativa --coñecida como Lomloe, que se empeza a aplicar plenamente este curso-- e a "improvisación" na reforma da ABAU, que non se aplicará en 2024.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comparece no pleno para informar o inicio do curso 2023-24 en Galicia.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comparece no pleno para informar o inicio do curso 2023-24 en Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL

Pero o groso do debate cos grupos da oposición situouse na situación económica das familias. Na súa comparecencia, o conselleiro reivindicou o incremento das axudas, que fan que haxa "130.000 alumnos máis este curso" que reciben os bonos.

A deputada do BNG Cristina Fernández reprochou a non gratuidade dos libros de texto, como si sucedía no goberno do bipartito, entre 2005 e 2009. Isto, apuntou a nacionalista, faría que a educación "por fin sexa gratuíta".

Nesta mesma liña, Noelia Otero (PSdeG) cuestionou que a Xunta só aplique os criterios progresivos nos apoios ao material escolar mentres "non miran rendas" no bono turístico nin nas axudas para os nenos que practiquen deportes federados. A isto sumou que o Goberno galego "perdoe" millóns de euros en impostos a rendas altas.

"RECORTES" DA XUNTA

A oposición tamén volveu a cargar contra os "recortes" da Xunta no sistema educativo desde a chegada do PP en 2009. Cristina Fernández (BNG) falou dunha "destrución planificada" do ensino público, porque "só pensan en pechar centros públicos" para "favorecer ás empresas".

Pola súa banda, Noelia Otero (PSdeG) puxo encima da mesa a taxa de fracaso escolar en Galicia, que en 2022 subiu ata o 9,9% "despois dunha década de redución consecutiva", xa que en 2021 marcou mínimo cun 8,1%, de acordo con cifras do Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta