Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/09/2023 | Actualizada ás 14:33
Plásticos --botellas, garrafas, bolsas, sacos-- foron os refugallos que máis abundan nos ríos galegos, aínda que agora xa compiten con máscaras e produtos de hixiene persoal. Así se puxo de manifesto este domingo 24 de setembro de 2023 na XVI Limpeza Simultánea de Ríos en 52 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais, até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando a máis de 60 entidades. En total, 6 toneladas de lixo de todo tipo.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Pero tamén apareceron rodas, cristais e latas e pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, sinais de tráfico, entullos, tixolas ou deshumificadores. Retiráronse uralitas, roupa ou calzado.
As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia xunto coas compresas e tampóns, e, especialmente, máscaras. "É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras", apuntan desde ADEGA.
O Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Para esta actividade contouse coa colaboración dos concellos de A Estrada, Ames, Ares, Cangas, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Moaña, Nigrán,Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Soutomaior, Tomiño e Verín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.