O Sergas, "aberto a escoitar" ao colectivo de enfermeiras que protestou o martes en cinco hospitais galegos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou o pacto alcanzado en abril por unanimidade con melloras retributivas e de condicións (como a redución paulatina do horario ata alcanzar a xornada de 35 horas semanais en 2025) para todo o persoal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2023 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou que o seu departamento está "aberto a escoitar" ás colectivo Enfermeiras APT, que na xornada do martes protestou fronte a cinco hospitais galegos para pedir melloras nas súas condicións laborais.

Iso si, García Comesaña destacou os "esforzos" da Administración por alcanzar acordos na mesa sectorial, o principal órgano negociador cos sindicatos con maior representatividade. Neste sentido, lembrou o pacto alcanzado en abril por unanimidade con melloras retributivas e de condicións (como a redución paulatina do horario ata alcanzar a xornada de 35 horas semanais en 2025) para todo o persoal.

Así se pronunciou o conselleiro este mércores, en declaracións aos medios tras o acto de presentación en Santiago da estratexia galega de oncoloxía de precisión, despois das protestas de Enfermeiras APT vividas na Coruña, Santiago, Lugo, Monforte e Pontevedra. Segundo afirmaba unha portavoz do colectivo, non descartan ir á folga "se en San Lázaro (sede da Consellería de Sanidade) non sentan a negociar unha mellora das condicións de traballo". E é que os sindicatos da mesa sectorial, dixo, "asinan cousas polas que nós non queremos pasar".

A este respecto, o conselleiro reivindicou este mércores que o acordo do 20 de abril foi "probablemente o maior avance" en cuestións laborais que asinaron a Administración autonómica e os sindicatos nos "últimos 15 anos". Por iso, rexeitou pór "en dúbida" o esforzo e o "compromiso" da Xunta coas condicións laborais, á vez que enxalzou o labor da mesa sectorial, que precisamente a semana pasada arrincaba un novo 'mandato' tras as eleccións sindicais do mes de maio.

Concentración convocada polo colectivo Enfermeiras APT fronte ao CHUS
Concentración convocada polo colectivo Enfermeiras APT fronte ao CHUS | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta