O BNG exporá "un pacto pola ciencia" 2024-2034 no debate do estado da autonomía

Volverá levar unha proposta para garantir un investimento estable e suficiente que sitúe a Galicia nos niveis de investimento en I+D+i europeo, a creación dun organismo propio, o Innogal (Fundación galega para a ciencia), xunto coa creación da 'Rede galega de ciencia, tecnoloxía e innovación'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación levará ao debate do estado da autonomía da próxima semana un pacto pola ciencia para a década 2024-2034, co fin de que Galicia "dea o maior salto cara adiante da súa historia" e farao con tres iniciativas. Concretamente, volverá levar unha proposta para garantir un investimento estable e suficiente que sitúe a Galicia nos niveis de investimento en I+D+i europeo, a creación dun organismo propio, o Innogal (Fundación galega para a ciencia), xunto coa creación da 'Rede galega de ciencia, tecnoloxía e innovación'.

Así o expresou durante unha visita ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), na que estivo a vicerreitora de Innovación, Pilar Bermejo, e o director do instituto, Alberto Salgado. Neste sentido, agradeceu á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao centro que lle "abrise as portas" para "coñecer cales son as necesidades e os retos de futuro".

"Nós sabemos que o futuro deste país pasa claramente por apostar pola ciencia e pola innovación. Entendemos que este é un dos grandes desafíos que ten Galicia e a próxima década ten que ser a década da ciencia, da innovación", apuntou Pontón, quen subliñou que Galicia "ten un enorme potencial e ten que facer do I+D+i un dos grandes alicerces do desenvolvemento". Pontón destacou a investigación en Galicia pero conveu que é preciso, para dar ese "gran salto adiante no ámbito científico", deseñar "a próxima década" e os grandes obxectivos e recursos que se van a destinar.

PROPOSTAS CONCRETAS

Así, confiou en que este debate sexa o de chegar a un "pacto galego pola ciencia e innovación, con obxectivos moi concretos", empezando por que nos próximos cinco anos Galicia poida estar cun 2 por cento do PIB dedicado á ciencia e investigación. Ademais, defende a necesidade de coidar aos científicos, para o que hai que comprometerse con acabar coa precariedade.

Neste escenario, Pontón sostivo que Galicia necesita, como Euskadi e Cataluña, unha fundación que permita un programa "potente" de captación e retención do talento, sempre baseado na "excelencia", unha proposta que "debe de estar á marxe de intereses partidistas, porque é evidente que o futuro de Galicia pasa pola ciencia e innovación". A dirixente nacionalista advertiu de que actualmente Galicia só dedica o 1,1 por cento do PIB, cando a media do Estado é do 1,4 por cento e a europea supera o 2 por cento.

A iso, sumou o "problema grave" da emigración dos egresados galegos, "máis de 6.000 persoas que poderían estar a ter un rendemento propio no país". "Entendemos que esta cuestión é clave" e que, ademais, ten un custo económico, que segundo cifras do Foro Económico, ascendería a entre 180 e 331 millóns de euros ao ano por "esa emigración de talento". Así as cousas, Pontón lembrou que non é a primeira vez que exporá un pacto pola ciencia, pero "hai que pensar que neste momento o país necesita altura de miras" e espera que poida saír adiante.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita o  Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Na foto, a vicerreitora de Innovación e o director do centro, ademais dos deputados do BNG Luís Bará e Cristina Fernández
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Na foto, a vicerreitora de Innovación e o director do centro, ademais dos deputados do BNG Luís Bará e Cristina Fernández | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta