O Goberno galego afirma que "hai marxe" para novas rebaixas de impostos

Corgos admite que se debe "mellorar" o estudo dos efectos das deducións tras os reproches do Consello de Contas, nunha lexislatura cun aforro de 1.300 millóns para os galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 04/10/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, avanza que "hai marxe" para novas rebaixas de impostos nos orzamentos da Xunta para 2024, máis aló das últimas bonificacións fiscais anunciadas polo Goberno galego. A preguntas dos medios en rolda de prensa sobre se haberá novos anuncios de rebaixas fiscais, Corgos pediu "deixalo para o debate de orzamentos", pero sinalou que "sempre hai marxe de manobra".

Garante que as bonificacións fiscais "en absoluto" poñen en risco os servizos públicos, pois esa é unha "liña vermella". "Non baixamos impostos se non existe diñeiro suficiente para financiar o funcionamento dos servizos públicos fundamentais", asevera.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, en rolda de prensa
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, en rolda de prensa | Fonte: XOÁN CRESPO

Cuestionado sobre se manterán as rebaixas fiscais realizadas ata agora, incluídas a bingos e en materia de xogo, o conselleiro sinalou que "a intención é manter as rebaixas de impostos", á vez que apunta que a figura tributaria en relación co xogo "estaba condicionada ao mantemento dos postos de traballo".

Precisamente, o pasado martes, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o imposto de transmisión de vehículos de segunda man, unha taxa autonómica que se paga nas operacións de compra de coches usados, baixará do 8 % ao 3 % a partir de 2024, e eliminarase para os vehículos de 'emisións cero' (eléctricos e híbridos enchufables).

ESTIMACIÓN DE ACHEGAS DO GOBERNO PARA ORZAMENTOS

Preguntado sobre se a Xunta prevé presentar os seus orzamentos en torno ao 20 de outubro, tal e como fai habitualmente, Corgos explicou que están "a esgotar tempos esperando algún tipo de 'input' do Ministerio de Facenda para pechar os orzamentos dun modo máis certeiro". Asegura que se están "pechando os orzamentos agora mesmo" para "presentalos en tempo e forma". Di que non saben "nada" sobre as achegas do Goberno central, polo que esperarán "ata o último momento". "Se non as temos, estimarémolas", relata Corgos.

BALANCE DE REBAIXAS FISCAIS

Así, o conselleiro de Facenda fixo balance en materia de bonificacións fiscais para destacar que os galegos aforrarán nesta lexislatura uns 1.300 millóns de euros. Igualmente, Miguel Corgos apunta que 1,6 millóns de contribuíntes beneficiáronse nos últimos 9 anos das catro rebaixas do tramo autonómico do IRPF. Calcula que a pasada campaña da renda (correspondente a 2022) cada galego pagou 476 euros menos de IRPF que no ano 2009.

Lembra que, nos impostos de sucesións e doazóns, o 99,9 % das herdanzas entre familiares directos xa non tributan. Nas sucesións entre irmáns, o importe exento de tributar aumentou de 8.000 a 16.000 euros de forma que cinco de cada dez herdanzas deste tipo non teñen que pagar un euro. Son 464.000 persoas beneficiadas.

O imposto de transmisións patrimoniais recolle unha baixada do tipo xeral do 10 % ao 9 %, unido a que os menores de 36 anos están entre os que "menos impostos" pagan en España para compra de vivenda. En todo este bloque hai 169.500 beneficiados. Así mesmo, o programa de impostos cero no rural conta con 99.800 beneficiados.

Tamén se chama a atención acerca de que en 2023 adoptáronse no IRPF medidas (con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022) como son a deflactación con carácter retroactivo dos tres primeiros tramos do IRPF; a minoración do tramo máis baixo; ou o aumento dos mínimos persoal e familiar. Supuxeron un aforro na pasada campaña da renda de 128 millóns. Corgos expón que o modelo da Xunta está "a demostrar" que se pode "baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cadrar as contas ao mesmo tempo".

"MELLORAR" A AVALIACIÓN DA SÚA EFECTIVIDADE

Así mesmo, a preguntas sobre os reproches do Consello de Contas á Xunta por non avaliar os efectos das deducións fiscais, o conselleiro admite que "é un campo no que mellorar" e estase "traballando neste tipo de avaliacións". "É un campo no que temos que avanzar, non só Galicia, senón todas as comunidades autónomas, e require un estudo en detalle, quizais, para cada dedución".

"Non somos extraterrestres, non é unha cousa exclusiva da nosa comunidade autónoma. Non existe ningunha comunidade autónoma que realice unha avaliación dos beneficios fiscais no proxecto de orzamentos", sostén. Aclara que a Administración Xeral do Estado "empezou a realizar este ano unha avaliación intensiva dos beneficios fiscais e foi unha das reformas que se incluíu no mecanismo de recuperación e resiliencia".

Non entanto, resalta que "moitas veces os beneficios fiscais non perseguen un concreto e exclusivo efecto cuantitativo. Por exemplo, rebaixar o imposto de transimisións patrimoniais ás mulleres vítimas de violencia de xénero non persegue lograr unha masa crítica importante de rebaixa fiscal; o obxectivo desexable é que fose cero, que non houbese ningunha muller que sufrise violencia de xénero, e que tenda a cero esa dedución, e que marxinalmente teña pouca importancia. Non é xustificación suficiente para eliminala, todo o contrario, debería manterse sempre", razoa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta