O 78 % da poboación galega respirou aire contaminado por ozono durante a primavera e o verán

Un informe de Ecoloxistas en Acción analiza datos recolleitos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro en 32 estacións de control da contaminación atmosférica, chegando á conclusión de que 2,1 millóns de galegos respiraron aire poluído. Os precursores do ozono van dende a maquinaria ata a gandaría e os lumes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

O 78 por cento da poboación galega respirou aire contaminado por ozono durante este ano, segundo un informe de Ecoloxistas en Acción que analiza datos recolleitos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro en 32 estacións de control da contaminación atmosférica. Trátase de estacións pertencentes ás redes de vixilancia da calidade do aire da Xunta e doutras institucións e de distintas instalacións industriais.

Segundo o citado informe, "2,1 millóns de galegas e galegos (o 78 % da poboación) respiraron aire poluído por ozono troposférico durante a primavera e o verán deste ano, a pesar de que se reduciron as superacións da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) nun 40 % con respecto á media do período 2012-2019".

Sobre o ozono, explica que é "un contaminante moi complexo, que non ten unha fonte humana directa, senón que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores". "En Galicia as principais fontes de precursores de ozono son o transporte e a maquinaria, a gandaría intensiva, os lumes rurais, o uso de disolventes e a combustión non industrial". Trátase, engade, dun contaminante típico da primavera e o verán.

SITUACIÓN EN GALICIA

Ecoloxistas en Acción precisa que debido ás características climáticas de Galicia, con "altas precipitacións e baixa radiación solar, a formación de ozono é moderada en comparación con outros territorios da península ibérica onde se conseguen concentracións elevadas". "Durante 2023 rexistrouse o menor número de superacións da recomendación da OMS da última década, coa excepción dos dous anos da pandemia (2020 e 2021)", explica a organización ecoloxistas que sinala que o aire contaminado por ozono afectou en 2023 a toda a poboación e ao territorio galego. "Excepto as áreas urbanas de Lugo, Pontevedra e Vigo, que quedaron por baixo dos tres días de superación do valor recomendado", apostila no seu informe.

A capa de ozono na estratosfera
A capa de ozono na estratosfera | Fonte: NASA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta